Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Instituto á vista

Por 12 Setembro, 2017Outubro 28th, 2017Sin comentarios

Durante o pasado curso tratei con varios cativos que este setembro comezarán o instituto. Aínda que cada un posúe as súas propias características de personalidade, resulta curioso que os medos e inseguridades que presentan ante esta nova situación son practicamente os mesmos: “¿Quen me tocará en clase?, ¿farei amigos?, ¿como serán os profesores?…” Se a iso engadimos que ata os seus oídos chegaron mil historias acerca de como será o seu paso polo instituto e que non todas son verdade, é máis fácil entender que estas últimas semanas estean un pouco máis nerviosos que de costume.

Curiosamente, estes medos e inseguridades tamén os podemos ver en moitos pais que nestes días andan a pensar “¿seralle fácil facer novos amigos?, “¿terá problemas con algunha materia?, “¿adaptarase ben á nova situación?”…
En realidade todos estes pensamentos son bastante normais porque os seres humanos, por natureza somos reticentes aos cambios. Cando se alteran as nosas rutinas ou estamos preto de pasar por algo novo, tendemos a deixarnos invadir polo medo e en moitos casos queremos quedarnos como estamos. ¿Cantas veces non pasamos unha mala noite antes de comezar nun traballo novo ou iniciar unha nova etapa na nosa vida? No caso dos adolescentes é igual; novo centro, novos compañeiros, novos profesores… moitos cambios que chegan precisamente, no momento de cambio por excelencia, a adolescencia.

Un dos medos máis habituais é o relacionado co ámbito académico. A idea de que “é todo moito máis difícil”. É verdade que a etapa de secundaria é unha etapa onde o alumno gaña en responsabilidade e autonomía no seu traballo. Cada profesor ten o seu estilo á hora de ensinar, e isto que xa podía supoñer dificultades en primaria, multiplícase en secundaria, onde o número de profesores aumenta hasta ter un por materia e os alumnos débense adaptar as esixencias de cada un.

Así as cousas, o que determina o éxito escolar non son só as capacidades senón tamén a motivación, o interese e o traballo persoal, e aí é onde o papel dos pais é fundamental. Na adolescencia moitos cativos senten a necesidade de separarse do seu núcleo familiar, de buscar os seus propios valores, de ser independentes… Os pais, aínda que en moitos casos non é unha labor moi ben recibida nin agradecida, non deben deixar de lado a súa labor de pais, xa que é fundamental para o correcto desenvolvemento dos cativos. Transmitirlles seguridade e facerlles ver que esta nova etapa é unha porta aberta a novas experiencias é o mellor que podemos facer. Interesarnos acerca das súas vivencias os primeiros días, saber que foi o que máis lle sorprendeu ou aquelo que menos lle gustou vai darnos unha idea de como está sendo a adaptación a esta nova etapa. Por suposto, deberemos estar atentos por si aparecen comportamentos que non son habituais e que poidan indicar que existe algún problema, neste caso será preciso falar canto antes co titor/a para intercambiar impresións.

Dito isto…recordade que tamén fostes adolescentes.

Lara Real Lema
Psies Psicoloxía.