Bonos consumo Vilalba

O Goberno da Deputación critica que Balseiro presuma do investimento da Xunta en Lugo cando representa o 1,66% dos fondos

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, criticou este martes que o Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, presuma da inversión de 20 millóns de euros que o Goberno Galego fai de xeito “obxectivo” nos municipios lucenses, pois esta cantidade tan só representa un 1.66% do total dos fondos que a Xunta achega ao ano á provincia Lugo, uns 1.200 millóns.

Santos Ramos puxo de manifesto que “fronte a esta inversión, que é ridícula en comparación ao orzamento que ten a Xunta de Galicia, dende o Goberno da Deputación, a través do Plan Único, achegamos outros 20 millóns de euros, ou o que é o mesmo, o 25% do orzamento provincial”.

“Facémolo a pesares de ter un presuposto 100 veces inferior ao da Xunta, porque estamos comprometidos coa necesidade de mellorar a calidade de vida dos máis de 300.000 veciños da provincia; colaborando de xeito igualitario cos 67 municipios lucenses”.

Santos Ramos apuntou que o resto dos fondos, máis do 98%, distribúese de xeito totalmente partidista e arbitrario. Mostra disto son, por exemplo, os 32 convenios asinados pola Xunta de Galicia dende xuño a decembro de 2016, que son os que están publicados, con 21 Concellos da provincia e por un valor de 16,1 millóns de euros. Desta cantidade, o 80% dos fondos (13,1 millóns) foron para mellorar as infraestruturas públicas só en 19 municipios, nos que goberna o Partido Popular.

O voceiro explicou que, nos últimos anos, o Goberno da Deputación puxo en marcha programacións dirixidas a todos os Concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes, que se distribuíron en base a criterios totalmente obxectivos: superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais ou esforzo fiscal.

Deste xeito lembrou o que, ademais do Plan Único, o Executivo Provincial ofreceu programación obxectivas como o Plan de Eficiencia Enerxética, dotado de 1,5 millóns de euros; o DepuEmprego 1, con 3 millóns de euros; o Servizo a Domicilio, con 1,5 millóns; ou o de mellora das sedes electrónicas municipais, con 300.000 euros, entre outros.

Só un 13% para a provincia
Neste senso, o voceiro do Executivo Provincial puxo de manifesto a “discriminación real” que sofre a provincia de Lugo nos investimentos da Xunta de Galicia, fronte ás outras provincias. Santos Ramos afondou que “tamén nos preocupa que Balseiro defenda un investimento para a nosa provincia de 1.200 millóns de euros ao ano, o que significa que, do total do orzamento da Xunta de Galicia, uns 9.063 millóns, o Goberno de Feijóo destine a Lugo un 13%, unha clara discriminación fronte o resto de provincias galegas”.

Etiquetas