Skip to main content
Actualidade

Ábrese o prazo de adhesión de establecementos ao Programa Reforma17 para a mellora de baños e cociñas en 2800 fogares

Por 27 Setembro, 2017Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores as bases do Reforma 17, impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), co obxectivo de facilitar a modernización de cociñas e baños en 2800 fogares galegos e dinamizar, ao mesmo tempo, a actividade e o emprego entre as pemes e os autónomos da construción.

As entidades colaboradoras –establecementos de distribución de materiais de construción– poden adherirse ao Reforma 17 a partir de mañá e durante dez días, e os particulares interesados en acollerse ao programa para reformar cociñas ou baños poderán presentar as súas solicitudes, sempre a través das empresas adheridas –que o farán de forma telemática–, desde o 11 de outubro e ata o 17 de novembro próximos.

O programa Reforma 17 convócase por terceiro ano consecutivo para que os beneficiarios poidan obter rebaixas do 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños en fogares galegos, dado que ao 20% que aporta a Xunta en axuda directa se suma outro desconto do 20% a facer polas empresas adheridas ao programa. A previsión é que esta terceira edición permita mobilizar 20 millóns de euros no sector.

Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 17 será de 1000 euros, e as axudas públicas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1.000 euros.

O programa, que estimula a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción, facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7000 fogares galegos, mobilizando arredor de 50 millóns de euros. Ao peche do Reforma 17, as axudas terán facilitado a renovación de cociñas e baños en 10.000 fogares galegos, cunha mobilización estimada en 70 millóns de euros.

Coa nova edición deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria proponse seguir impulsando a dinamización das empresas de materiais de construción, que viron reducida a súa actividade e facturación como consecuencia da crise que afectou principalmente ao sector inmobiliario.