Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

A consellería de Medio Rural inviste 40.000 euros no acondicionamento do camiño de acceso á Porreira en Friol

Por 15 Novembro, 2017Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural investiu 40.000 euros no acondicionamento do camiño de acceso á Porreira, no municipio de Friol; unha vía de titularidade municipal que une a estrada provincial LU-P-1611 co este núcleo da parroquia de Narla e da servizo tamén a outras poboacións rurais como O Vilar.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, comprobou o resultado das obras, recentemente rematadas, e subliñou a necesidade de “mellorar as vías de comunicación no rural para estimular a actividade económica e fixar poboación”. Durante a visita estivo acompañado polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, entre outros.

A Xunta actuou sobre os primeiros 2,6 quilómetros de lonxitude do camiño -entre os puntos quilométricos 0 e 2,640 concretamente-, que teñen un ancho variable de entre 4,50 e 5 metros e presentaban un pavimento moi deteriorado polo uso e pola acción das inclemencias meteorolóxicas. A intervención consistiu na reparación do firme e aplicación de rego asfáltico en todo o tramo, así como o saneo da explanada no punto quilométrico 0,33.

Baleiro destacou que a Consellería do Medio Rural incide na mellora da rede viaria a través do Plan de Infraestruturas Rurais, ao que corresponde esta obra e que está dotado con 4,2 millóns de euros, e tamén do Plan Marco de mellora de camiños municipais, cun orzamento de 16 millóns de euros para dous anos, o que fai un investimento superior aos 20 millóns de euros en toda Galicia.

“Este investimento -continuou- pon de manifesto o esforzo da Xunta por mellorar as dotacións e servizos dos que disfrutan os veciños e veciñas do rural, para que sexan equiparables aos dos núcleos urbanos”.

Neste sentido, o delegado lembrou outros programas do Goberno autonómico orientados á implementar equipamentos no rural, como son as axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para actuacións en infraestruturas de uso público, ou as de Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no rural.