Skip to main content
ActualidadeVilalba

Os Concellos de Vilalba, Outeiro de Rei e Castro de Rei contratan 13 persoas perceptoras da Risga

Por 1 Decembro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria atendeu a totalidade das solicitudes que presentaron os concellos lucenses para contratar a persoas que estaban percibindo a Renda de Integración Social de Galicia (Risga).

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería resolveu recentemente unha ampliación que supuxo un investimento de 186.240 euros para a contratación de 22 traballadores máis: 5 en Ribadeo, Outeiro de Rei e Vilalba (que dispoñían de 5, 2 e 5 respectivamente), 4 en Burela (que tiña concedidas 3 contratacións) e 3 en Castro de Rei (que tiña 2).

Estas achegas permiten aos 37 concellos participantes realizar todas as contratacións solicitadas, elevando a cifra de investimento na provincia a 1.465.364 euros e o número de traballadores desempregados a 167.

O obxectivo inmediato da Xunta é proporcionar experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada, a persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral ou en risco de exclusión social. Deste xeito, sinalou Balseiro, “pretendemos evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión”.

O programa tamén axuda ás facendas locais, incrementando o cadro de persoal dos concellos con novos traballadores que pasan a desempeñar labores en distintos servizos de competencia municipal.

A distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizouse tendo en conta o número de persoas desempregadas e a evolución do paro rexistrado no período 2012-2016, a evolución da poboación no citado período e o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello de Galicia en 31 de decembro do ano 2016.