Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

300 agricultores e gandeiros beneficiáronse en Lugo das axudas da Xunta aos plans de mellora de explotacións

Por 24 Xaneiro, 2018Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural achegou o pasado ano 18 millóns de euros a  un total de 311 agricultores e gandeiros lucenses ao abeiro do programa de axudas para sufragar os plans de mellora das súas explotacións; recibiron de media unha porcentaxe de axuda do 54% do investimento subvencionable que realizaron, así o indicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que tamén subliñou que “esta convocatoria de axudas ten unha importancia fundamental para a provincia, que representa máis do 45% tanto dos expedientes que se aprobaron como do importe global das subvencións que se concederon no conxunto de Galicia”.

En concreto, as axudas suman un orzamento de 18.051.600 euros sobre un investimento total subvencionable de 33.123.164 euros, que está dividido por comarcas. Así, na Terra Chá houbo 54 expedientes que representan 1,7 millóns de euros en axudas para mobilizar 3,4 millóns de euros. Na de Meira foron 10 os expedientes, cunha axuda de 600.388 euros para un investimento mobilizado de 1 millóns de euros. A comarca de Lug, a maior contou con 59 expedientes, 4,2 millóns de euros en axudas para un investimento mobilizado total de 7,6 millóns de euros. Outras comarcas con axudas foron:

  • Terras de Lemos: 15 expedientes aprobados, que suman 1,4 millóns de euros en axudas  dun investimento total de 2,7 millóns de euros.
  • Chantada: 29 expedientes, con 2,1 millóns de euros en axudas para un investimento total de 3,9 millóns de euros.
  • Sarria: 62 expedientes e 3,9 millóns de euros en axudas para mobilizar un investimento total de 7,4 millóns de euros.
  • Ancares: 28 expedientes, 719.847 euros para mobilizar 1,3 millóns de euros.
  • A Fonsagrada: 15 expedientes, cunha axuda de 437.385 euros para un investimento total de 829.000 euros.
  • A Ulloa: 29 expedientes, con 2,4 millóns de euros en axudas e unha mobilización total de 4,3 millóns de euros.
  • A Mariña: 10 expedientes con  294.402 euros en axudas e un investimento mobilizado total 590.000 euros.

Conceptos subvencionables

Este programa de axudas, que se convoca anualmente, apoia investimentos materiais e inmateriais que realicen os agricultores e gandeiros e supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade da explotación.

En particular, son subvencionables, entre outros conceptos: A reforma ou construción de instalacións que supoñan unha redución de custos de produción ou un incremento na produtividade, a compra de nova maquinaria, a compra de terreos,  e a adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos.

Non poden limitarse a substituír un edificio ou unha máquina existentes por outros novos se non se xustifica cunha ampliación da capacidade de produción de máis dun 25 % ou coa introdución de cambios fundamentais na natureza da produción ou na tecnoloxía. Establécese un investimento mínimo de 5.000€ para poder ser subvencionable.

Os beneficiarios comprométense a exercer a actividade agraria na explotación  durante, polo menos, cinco anos. Tamén a levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación, e a cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, entre outras medidas.