Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Reinos de sangre. La forja de España, de Óscar Eimil

Por 20 Febreiro, 2018Febreiro 22nd, 2018Sin comentarios

Por lucía Otero gato

Os amantes da lectura e da historia teñen á súa disposición nas librerías, desde o pasado mes de novembro, unha obra apaixonante que de ningún xeito poden ignorar: Reinos de Sangre. La Forja de España, do escritor vilalbés Óscar Eimil (editorial Almuzara). Trátase dunha novela histórica que se presentou en primicia o día 22 de decembro en Vilalba, nun acto no que interveu, xunto co autor, Carlos López Ferreiro, administrador de “Vilalba na rede” —e tamén gran amigo meu—. A novela narra maxistralmente o proceso de Reconquista levado a cabo no século XI por Fernando I o Magno, rei de Galicia, León e Castela, e as loitas fratricidas dos seus tres fillos varóns para lograr o poder tras a morte do soberano, quen decidira repartirlles en vida o seu reino, a pesar do seu soño de acadar unha Hispania imperial. Ao final da súa vida o rei Fernando é unha persoa atormentada pola súa conciencia, que sabe que non hai pecado que quede sen castigo; dáse conta de todas as atrocidades que cometeu e, ante as portas da morte, realiza un acto de contrición. Así nos retrata Eimil o remordemento do monarca: “Muchos y muy graves son los pecados que he cometido —piensa, compungido—. No hay mandamiento de la Ley de Dios que con contumacia no haya comprometido: he sido adúltero, blasfemo y fornicador. He odiado a mi padre y a mi madre, y la avaricia me ha consumido en una lucha incesante por la acumulación. Pero lo más grave, sin duda, lo que más pesa y ensombrece mi alma, es que he sido un homicida, tanto como pocos de los que por la Tierra pasaron antes que yo […]”

Desde a primeira páxina a novela consegue engaiolar ao lector, que penetra inmediatamente na trama grazas á utilización de mecanismos como o monólogo interior. A narración flúe dunha maneira natural a través dun narrador omnisciente en terceira persoa. Somerxerémonos na época medieval e sentiremos o frío, o sangue, a intriga, a traizón e a destrución. Destaca especialmente a gran calidade da escrita, algo que é inusual nun escritor novel. Eimil mostra un excelente dominio da descrición, do diálogo e das palabras, buscando —e atopando— en cada un dos capítulos un equilibrio entre o “telling” e o “showing”. O resultado é unha obra literaria espectacular e interesantísima que lle gustará a todo o mundo, non só aos fanáticos da historia. Unha das partes máis curiosas do libro é sen dúbida cando o monxe boticario Gudesteo desenterra un cadáver para quitarlle un cacho de fígado co que lle elaborará un bebedizo ao moribundo rei Fernando, intentando así retrasar a inminente morte do soberano.

En conclusión, Óscar Eimil ofrécenos con esta atractiva novela, repleta  de acción, emoción, deslealdade e morte, a posibilidade de mergullarnos no incipiente mundo baixomedieval hispánico. De elevada calidade literaria, a opera prima deste vilalbés é altamente recomendable (e entretida) e non deixa indiferente a ninguén. De feito, o éxito do libro ata agora foi tan grande que a editorial xa está preparando unha segunda edición. Parabéns, Óscar! Agardamos a seguinte.