Axudas a autonomos

Santa María de Bretoña

Por Miriam Fernández

Concello da Pastoriza, situado no extremo nororiental da Comarca da Terra Chá, posúe unha historia que enraíza coa chaira dende épocas remotas ata a súa conformación coma Concello, creando una xenealoxía propia e compartida da comarca ata os nosos días. Este feito tradúcese na presenza de abondosos restos de xacementos arqueolóxicos esparexidos polas distintas parroquias, como son a necrópole prehistórica de Mazoi e Lagoa (nesta última atopáronse 120 machadas da Idade do Bronce), os máis de 20 poboados de época Castrexa e Galaico-romana  (ocupación entre os s. VIII a.C. – V d.C.) dos que destacan os castros de Piñeiro, Fonmiñá, das Croas ou o de Saa, un dos máis importantes da provincia. Da influenza romana achouse tamén una estela antropomorfa anepígrafe (Castro das Croas) datada entre os seculos I – III d.C.

De épocas posteriores o Concello nutrirase dunha serie de importantes acontecementos  que tamén nos legarán fermosas pegada no territorio mediante igrexas, cruceiros, pazos, etc., máis non podemos deixar á marxe aqueles vinculados á parroquia de Santa María de Bretoña  en tempos do Reino Suevo , feitos que subliñaron o seu nome na historia de Galicia.

Segundo os datos coñecidos, durante os séculos V e VI algúns habitantes das Illas Británicas tiveron que abandonar a súa terra natal ante o avance imparable dos anglosaxóns, fuxindo do lugar en busca dun novo asentamento. Atoparon refuxio no noroeste da Península (actual Mondoñedo e Pastoriza) e a actual Bretaña francesa, e dise que en territorio peninsular fundaron a una nova patria chamada “Britonia”, en honor á súa orixe. Segundo as hipóteses que expoñen algúns historiadores a capital desta colonia estaría na actual parroquia pastoricense de Bretoña, e, a igrexa de Santa María, estaría asentada sobre os restos dunha antiga basílica monacal do século V pertencente ó Mosteiro Máximo da diocese Bretoa, unha das trece dioceses do Reino suevo da Gallaecia.

No “Parrochiale suevum” (século VI), importante manuscrito onde se reflicte a organización administrativa e eclesiástica do Reino suevo da Gallaecia, atopamos referencia á diocese de “Britoniarum”, unha diocese non territorial, senón étnica, e a un “Monasterio Maximi, elementos que reforza a hipótese. Tamén se obtiveron noticias de diferentes bispos da colonia bretoa, Metopio, Sonna, Bela e o coñecido “Mailoc” (ou Maeloc), que aparece entre os clérigos participantes no Primeiro Concilio de Lugo (ano 569) , no Segundo Concilio de Braga (ano 572), ademais de referencias sobre a diocese en Concilios posteriores coma o de Toledo (xa baixo o dominio visigodo) e o III Concilio de Braga. Esta será a última mención antes de desaparecer trala invasión de viquingos e árabes, momento que para algúns propiciou a súa desaparición dando lugar ó traslado da sede a San Martiño de Foz e Oviedo, segundo o mandato do rei Afonso II.

A actual igrexa foi edificada durante a finais do século XVII e rematada no século XVIII, máis estivo sometida a reformas nos séculos XIX e XX como testemuñan as inscricións do interior, onde alberga retablos, imaxes e pezas orfebres relevantes. Exteriormente preséntasenos coma una nave caleada a dúas augas reforzada por contrafortes nos paramentos laterais, cunha torre campanario de pedra vista distribuída en tres corpos de forma ascendente, onde atopamos o tramo da base e a porta, as campás e o reloxo (tambor octogonal) coroado por una cúpula. Da primitiva igrexa britoniense dise que só se conserva restos dos basamentos e a talla dunha cabeza de anxo en pedra colocada sobre a porta de entrada á torre campanario. Sen poder nin refutar nin certificar cen por cen as hipóteses, os datos suxiren que por encima de todo Bretoña foi un territorio onde a historia da chaira evolucionou dunha forma especial, un lugar onde posiblemente fusionaron culturas e expresións diferentes e no cal agardamos novas investigación e achádegos que nos permitan “recuperar a memoria”.

Etiquetas