Skip to main content
Actualidade

Un centenar de ponteses participan nos plans de emprego do Concello

Un centenar de desempregados de As Pontes participan nos programas de emprego, subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciados polo Concello de As Pontes, para promover a inserción laboral.

Ana Pena, concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego remarca que a través destas iniciativas “o concello de As Pontes ofrécelles unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ós beneficiarios para que poidan desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.

O Programa Integrado de Emprego Pontes de emprego, que se prolongará ata finais do mes de novembro, está dirixido a mellorar a empregabilidade dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral;  persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou con baixa cualificación. Inclúe un amplo abano de accións formativas, de orientación laboral e fomento do emprededurismo que se desenvolverán a través de sesións individuais e grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e unha titorización que permitirá reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.

Os 85 alumnos que participan neste Programa Integrado de Emprego do Concello de As Pontes reciben información, orientación laboral, formación e asesoramento sobre a creación do currículo vítae e de cartas de presentación, sobre o modo de afrontar unha entrevista de traballo así como nocións sobre a procura activa de traballo a través de internet e o autoemprego.

Desde o goberno local de As Pontes, Ana Pena, sinala que o Programa Integrado de Emprego Pontes de Emprego está encamiñado a que os participantes adquiran as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna e, por este motivo “inclúense cursos sobre actividades de almacenamento, técnicas de venda, cociña, ou de manexo de carretilla e pala cargadora para axustarnos ás demandas do mercado e, deste xeito, chegar o noso obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 30% dos veciños que participan no Programa Integrado de Emprego”.

O Programa Integrado de Emprego Pontes de Emprego tamén ofrece formación transversal en prevención de riscos laborais, novas tecnoloxías, ofimática, técnicas de coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais para aumentar as posibilidades de inserción laboral así como prácticas non laborais e tarefas de prospección empresarial.

O orzamento do Programa Integrado é de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello de As Pontes.

Obradoiro de emprego Eume

A través do Obradoiro de emprego Eume un total de 12 alumnos reciben formación teórica e práctica sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio. O obxectivo desde programa, en palabras de Ana Pena, é “procurar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e a realización de prácticas profesionais non laborais, para deste xeito favorecer a súa inserción nun sector cun alto volume de demanda de profesionais”.

Formación sobre atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás, organización do domicilio de persoas dependentes son algúns dos contidos que forman parte do programa. Durante o período de prácticas, os alumnos desenvolven os coñecementos teóricos adquiridos a través do programa de Axuda no Fogar do Concello de As Pontes.

O programa que ten unha duración de 1.440 horas tamén ofrece formación en novas tecnoloxías, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais ou técnicas de procura de emprego para que creen o seu proxecto profesional-persoal que lles permita a inserción no mercado laboral.

O orzamento deste obradoiro é de 207.975 euros, dos cales 167.975 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 40.000 euros polo Concello de As Pontes.