Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

U-lo progreso social e cultural?

Por 11 Maio, 2018Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Por Martiño Maseda

Cada 23 de abril, e coincidindo co pasamento, nesa mesma data pero de 1616, dos escritores Miguel de Cervantes, William Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega, conmemoramos o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor. A elección desta data abrileira tomouna a UNESCO a partir de 1995, durante a celebración da súa Conferencia Xeral que tivo lugar en París. O organismo internacional decide render unha “homenaxe universal aos libros e os/as autores/-as, alentando a todas as persoas, en particular, ás máis novas, a descubrir o pracer da lectura, así como a valorar as contribucións daqueles que impulsaron o progreso social e cultural da humanidade.” E engade que esta celebración tamén “brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ao oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas.”

Mais, despois de ler e reler estes propósitos, un cavila que algo fallou polo camiño dende que aquela iniciativa botase a andar a partir de mediados da década dos noventa. Nesta sociedade do presente invadida polo lume do materialismo homicida, nada que recenda a cultura deixan que chegue a florear. Incluso nós mesm@s, que constituímos a cidadanía, xa gozamos, nunha actitude de aceptado masoquismo, coas brasas deste falso lume catártico.

Permítaseme que vaia ao concreto. En Vilalba, o propio Concello e a weblog Culturalia GZ, que teño o gusto de administrar, decidimos organizar un par de actividades para festexarmos coa veciñanza o Día do Libro 2018. Malia o carácter de novidade que amosaban as dúas actividades, a resposta da xente foi, xogando cunha especie de oxímoro, bastante escasa. E, certamente, debo confesar que descoñezo o motivo principal de tal ausencia participante. O que si sei é que tal circunstancia me produce un voraz  desacougo; que non desanimo para continuar promovendo actos culturais nos que implicar á xente co gallo de dar resolución ao precepto establecido pola UNESCO de “impulsar o progreso social e cultural da humanidade”.

Como escritor e poeta, sempre amarei o poder salvífico da palabra, ese que me axuda coñecer os meus adentros, a descifrar as incógnitas que os velan. Aínda que tamén coñezo o lado escuro da mesma, aquel que destrúe e rebaixa a esencia máis nobre da persoa; e no cal, en demasiadas ocasións, nos situamos. Por iso precisamos alimentarnos de cultura, plural, colectiva; e, por suposto, dito alimento hai que sementalo primeiro, entre todos/-as. Asemade, valorar o traballo de quen sementa cultura para divertimento da colectividade. Aquí retomo unha frase que deixei pendente na miña colaboración do mes de abril: alí aludía a que o concepto de balde atribuído ao eido cultural xa resulta obsceno. Cando chamamos a alguén para facer unha sinxela reforma doméstica preguntámoslle: Canto me vas cobrar por tal traballo? A min como poeta que vou recitar a un evento ou que realiza un escrito para un acto determinado, ou un mero artigo que enche un espazo nun xornal para entreter aos lectores do mesmo, recibo pouco máis que o agradecemento por facer ditas tarefas, cando non me queda a sensación de que o único e realmente agradecido debo de ser eu porque se me permite amosar a miña arte, con maior ou menor habelencia. Aínda así non desisto no humilde impulso de pelexar pola consecución dese “progreso social e cultural” para a humanidade que preconizan dende a UNESCO. Mais é labor conxunto. Do contrario, sigamos enlodando a mente co solimán elaborado de Pan e Circo.