Skip to main content
A PastorizaAbadínActualidadeBegonteCospeito

Cinco centros educativos da Chaira están a participar no proxecto da Fundación Meniños

Por 16 Maio, 2018Sin comentarios

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este un encontro con alumnos de infantil do CEIP San Ciprián, no Concello de Cervo, que están a participar no proxecto Viaxe ao reino das emocións da Fundación Meniños, xunto con outros centros da Terra Chá. O Goberno da Deputación destina 8.500 euros a dito colectivo lucense para o desenvolvemento desta nova proposta baseada na educación emocional, na que participaron 764 alumnos de 20 colexios da provincia.

Nesta iniciativa, dirixida a nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil, así como de 1º e 2º de Primaria, os alumnos descubriron e adquiriron competencias emocionais, como a autoestima, a empatía, a conciencia ou a resolución de conflitos a través dun conto e actividades tales como xogos de cartas, vídeos, cancións, baile e obradoiros manuais. Os obxectivos deste proxecto educativo é favorecer o desenvolvemento integral a nivel persoal dos cativos, previr a aparición de condutas negativas e facilitar ás familias do alumnado ferramentas que lles permitan exercer unha parentalidade positiva.

López Izquierdo cualificou esta experiencia “como fantástica, hoxe puidemos comprobar como os nenos e nenas de Cervo desenvolvese cunha facilidade impresionante, e como son capaces de traballar e amosar as súas emocións a través de xogos sinxelos, e neste caso, a través do proxecto Viaxe ao reino das emocións da Fundación Meniños co que colaboramos”.

Fundación Meniños

A Fundación Meniños é unha entidade sen ánimo de lucro especializada na protección da infancia e da adolescencia, cun traballo orientado a garantir o seu dereito a vivir en familia. Dende o ano 1996 traballa a favor dos dereitos dos nenos e nenas en situación de dificultade social por medio de programas especializados de prevencións e intervención familiar. Como parte da súa acción, dende o 2008 traballan de forma específica cos centros escolares promovendo valores, actitudes e condutas acordes co bo trato na infancia e implicando ás familias nas actividades e propostas educativas que se realizan.

Colexios participantes

Na Comarca da Terra Chá están a participar neste programa o CEIP de Bretoña, da Pastoriza; o CEIP Aquilino Iglesias Alvariño, de Abadín; a Casa niño Avelaíña e o CEIP Virxe do Corpiño, de Begonte, e o CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito.