Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Mocidade e redes

Por 12 Xuño, 2018Sin comentarios

Por Lara Real Lema

É sábado, a nosa protagonista nada máis espertar colle o móbil e mira as mensaxes. En Whatsapp ten máis de cen. Despois revisa en Instagram o número de “gústame” que recibiu a súa foto de onte. 24, non está mal. Sentada na cama recoloca o pelo pon a súa mellor cara e fai a primeira foto do día, engade unha frase motivadora e dalle a compartir, despois levántase para almorzar. Todo normal. A nosa protagonista é unha nena aplicada e responsable na que se pode confiar, de feito non ten ningún problema en que os seus pais saiban a súa contrasinal de Instagram e entren de cando en vez para controlar se fai un bo uso de dita rede social. Eles mesmos son testemuñas de como a emprega para falar coas súas amigas, opinar sobre moda ou colgar fotos do seu día a día. O que eles non sabían é que ese Instagram ao que teñen acceso é soamente o oficial, o politicamente correcto. A súa nena ten outro perfil na mesma rede cun nome parecido onde colga fotos suxerentes, vídeos das festas da fin de semana, reflexións … Ela sabe que aos seus pais non lles ía gustar e por iso optou por crear outro perfil no que amosar o seu outro eu, ese que non ven os seus pais. Non é a única.  Todo ía perfecto coa súa dobre personalidade virtual ata que un enfado coa súa irmá durante o almorzo deu o traste co seu perfil secreto. Agora os seus pais atópanse animicamente derrubados preguntándose que fixeron mal mentres miran as fotos daquela nena case descoñecida. Non son os únicos. Un 93% dos rapaces están rexistrados nalgunha rede social e máis da metade en catro ou mais. Os mozos que non as empregan poden chegar a sentir que están en risco de exclusión por parte dos seus iguais. Son os raros. A día de hoxe, as redes desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento da identidade ao tempo que constitúen un novo ámbito de autonomía e independencia, xa que poden pasar horas cos seus amigos sen saír da casa e sen que ningún adulto saiba a ciencia certa o que está acontecer ao outro lado da pantalla.

¿Que podemos facer? ¿Debemos espialos? Non, se antes os país non levantaban o teléfono para escoitar a conversación dos fillos (polo menos non na maioría das casas) tampouco parece un modo axeitado de proceder agora. Levar a cabo unha vixilancia de alto nivel conleva o risco de acabar coa confianza entre adolescentes e pais xusto nun momento crucial.

¿Que podemos facer? Aínda que non hai receitas máxicas o máis axeitado quizais sexa seguir usando as fórmulas que funcionan como a negociación, e incorporar internet ás rutinas familiares do mesmo xeito que o facemos con outros aspectos. Por exemplo, se poñemos hora para chegar á casa tamén podemos limitar o tempo de conexión. Se estamos ao tanto das actividades desenvoltas na escola tamén deberiamos saber o que acontece nas redes, respectando o seu espazo. E sobre todo facerlles ver que na rede, ao igual que na vida real, debemos respectar as normas e ter coidado coa nosa intimidade. En resumo, non facer nas redes o que non fariamos fora delas.