Skip to main content
Actualidade

A Xunta investirá en varios parques empresariais da comarca

Por 20 Xuño, 2018Sin comentarios

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, favorecerá a mobilización de máis de 1,6 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 15 municipios de Lugo, dos que cinco son Concellos Emprendedores; en concreto, o Goberno galego achegará 1,3 millóns de euros en axudas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que este ano por primeira vez se aplica o criterio de preferencia para os denominados Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais.

Indicou que os proxectos están destinados a executar actuacións en redes viarias e saneamento, xestión de residuos e instalación de sistemas de seguridade, e desenvolveranse nos concellos de Cervo, Outeiro de Rei, Monforte de Lemos, Taboada, Cospeito -os cinco Concellos Emprendedores-, A Pastoriza, Baleira, Becerreá, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Lugo, Monterroso, Portomarín, Rábade e Vilalba.

O delegado explicou que, a través deste programa, a Xunta realiza anualmente “un investimento millonario nos polígonos da provincia en beneficio da competitividade das empresas, cubrindo as posibles carencias en infraestruturas e as novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas e de servizos comúns de carácter xeral”.

Con estas axudas, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.