Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Publicadas as bases das axudas para cooperación en grupos de desenvolvemento rural

Por 13 Agosto, 2018Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (GDR). Estas subvencións intégranse na medida Leader e están cofinanciadas cos fondos Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2010. En breve sairá publicada no DOG a convocatoria deste ano 2018.

As achegas están xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, que destinará a esta finalidade 400.000 euros. O seu obxectivo é fomentar a colaboración entre os GDR galegos e os do resto de España, da Unión Europea e mesmo de terceiros países, para impulsar proxectos e estratexias en común.

Desta forma, entidades de diferentes territorios poderán agruparse para desenvolver iniciativas de promoción turística conxunta, de posta en valor dos seus recursos patrimoniais ou artesanais ou para fixar poboación en áreas con características de demográficas comúns, entre outros fins.

Con estas axudas apoiaranse proxectos de cooperación entre os grupos de desenvolvemento rural que impliquen a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e materiais, pero tamén a execución dalgunha acción concreta, de xeito conxunto.

Os proxectos de cooperación poderán ser de tres tipos: intra-territorial, entre GDR de Galicia; inter-territorial, con grupos doutras comunidades españolas e transnacional, con grupos doutros estados membros da Unión Europea ou mesmo doutros países, cos que exista algún tipo de vínculo en materia de desenvolvemento rural.

Enlace á resolución do DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180810/AnuncioO90-310718-0001_gl.html