Skip to main content
Actualidade

CC.OO critica a nova figura de especialista de pediatría creada polo Sergas

Por 22 Outubro, 2018Sin comentarios

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia rexeita a nova figura de persoal especialista de pediatría de área, creada polo Sergas “de costas” ás partes implicadas. Desde Comisións reproban que a Xunta de Galicia amose «unha vez máis» o seu «desprezo» pola opinión dos colectivos profesionais e dos sindicatos representativos, que souberon desta iniciativa polos medios de comunicación.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle sinala que foi grazas ás informacións xornalísticas que o sindicato coñeceu este proxecto, ao que se opón, e critica que a Xunta de Galicia estea «lexislando» a través da lei de acompañamento dos orzamentos.

Para o voceiro de CCOO, a proposta da Consellaría de Sanidade modifica o xeito de traballar dos pediatras e supón un “importante retroceso”, pois facerlles compatibilizar a atención primaria e a especializada «rompe a dinámica actual» de vincular as nenas e nenos co mesmo profesional.

Ángel Cameselle sostén que a medida “só responde a unha lóxica de recortes”, pois pretende suplir a falta de profesionais cunha medida “de aforro puro e duro”, malia que iso vaia en detrimento da calidade da atención.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade lembra que a nova figura tamén vai en contra do decreto de troncalidade e de especialidades médicas. Para Comisións, a solución de futuro non é recortar, senón convocar anualmente máis prazas MIR (médico interno residente) de pediatría para «paliar o déficit estrutural que ten Galicia desde hai tres décadas».