Enquisa Mobilidade

Risco constante

Por Pablo Veiga

Recoñecendo que son excepcionais, si temos que lamentar falecementos acontecidos nas granxas galegas por mor das emanacións de gases derivadas das fosas de xurro, que ó longo e ancho do noso agro suman case tantas como explotacións gandeiras existentes, fundamentalmente de vacún de leite e porcino. Os medios de comunicación, de cando en vez, dan a mala nova onde se producen accidentes neste tipo de instalacións con consecuencias fatais, inclusive con varias mortes. Primeiro, cae un desmaiado e logo os que van detrás socorrelo seguen idéntico camiño.

Culpable de feitos desta índole é a escaseza de osíxeno polas escasa ou nula ventilación e un exceso de gases letais, como o metano e o ácido sulfhídrico.  Esa combinación provoca a fulminante perda de coñecemento e posterior falecemento por axfixia e envelenamento. Mortes rápidas e doces –aínda que cualificar a morte de doce sone macabro-.

Cómpre sinalar que as características xerais do campo no noso País, por todos coñecidas, cun elevado índice de avellantamento dos gandeiros e con escaso relevo xeracional, inciden negativamente á hora de abordar modernizacións en todo o referente ó tratamento dos residuos que se xeran nas explotacións. Engádaselle tamén a antiguedade de moitas desas fosas de xurro e a falta dun eficaz mantemento, así como a pouca predisposición a formarse en todo o referente á prevención de riscos laborais. O resultado non pode ser bo, máis ben todo o contrario.

As recomendacións realizadas para que non se produzan este tipo de accidentes son, en primeiro lugar, que nunca se leve a cabo a labor de sacar xurro por parte dunha soa persoa. En segundo termo, absterse de entrar nas cortes cando se está batendo. Aparte, no caso de que a fosa estea completamente cuberta, deberá ser ventilada con antelación a facer este traballo. Non semella tan complicado seguir estes pasos, cos cales evitaríamos desgrazas que non teñen amaño. Toda morte nestas circunstancias é unha catástrofe, individual, familiar e colectiva. Por todo, o sector ten que tomar conciencia da perigosidade que conleva manexar os residuos como son os xurros, que ademáis son altamente contaminantes para o medio ambiente. O tratamento dos mesmos ten que ser unha prioridade. O problema aumenta coa utilización de lodos que proveñen de estacións depuradoras como fertilizantes. Unha auténtica bomba se non existe un rigor extremo nas fases de tratado, traslado e depósito. A proba tivémola semanas atrás nunha parroquia vilalvesa, coa intoxicación de tres membros dunha unidade familiar que, milagreiramente, salvaron a vida.

En definitiva, unha ameaza, certo, pero que se pode converter en oportunidade, como acontece en áreas agrícolas avanzadas doutros países europeos –e excepcionalmente aquí en Galicia-, onde estes inevitables residuos que xera o gando son procesados e comercializados como fertilizantes ou tamén para a produción de enerxía para o auto consumo, co considerable aforro que suporía para as empresas gandeiras.

Estamos a falar de modernización, progreso, salubridade, seguridade no traballo, rendibilidade económica, protección do medio … Varios conceptos que non son en absoluto excluíntes. Ou cando menos,  non deberían selo.