Skip to main content
Actualidade

O PP proporá ao Pleno da Deputación unha declaración institucional contra a violencia de xénero

Por 22 Novembro, 2018Sin comentarios

O Grupo Provincial do PP propuxo a aprobación no seguinte Pleno da Deputación de Lugo dunha declaración institucional con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro. Os populares solicitarán unha xunta de voceiros na Deputación de Lugo coa que acordar o compromiso de todos os grupos contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes.

Desde o PP propoñen un texto de partida no que se fixe que a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado.

Para iso, necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres”, explican os populares.

Combater calquera forma de violencia de xénero: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual, abusos sexuais, acoso sexual e a trata de mulleres e nenas explotadas sexualmente, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

Así o esixe a sociedade no seu conxunto xa que, nesta materia, só se conseguen avances se hai un compromiso de todos os sectores políticos e sociais para poñer na axenda, como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia cara ás mulleres, conscientes de que se trata dunha cuestión que nos afecta como sociedade e como país e da que depende o futuro da nosa convivencia.

É unha tarefa que require unha actuación unitaria de todas as forzas políticas e da cidadanía, polo que é necesario seguir traballando na senda da máxima coordinación, colaboración e cooperación entre todos e todas e seguir concienciando á sociedade dos efectos devastadores desta lacra para entre todos erradicar completamente a violencia de xénero.

Nos últimos anos téñense producido avances neste eido, pero hai que seguir traballando e acabar con calquera forma de violencia exercida contra a muller coa posta en marcha de leis e medidas para combatela.

É por iso que desde o Grupo Provincial do PP propoñemos a elaboración dunha declaración institucional que inste ao Goberno do Estado e da Xunta a que incrementen os fondos destinados á erradicación da violencia de xénero, así como á creación por parte da Deputación de Lugo dunha Comisión Interdepartamental para o seguimento da aplicación das actuacións contra a violencia de xénero, así como adherirse ás campañas que a Xunta de Galicia, en colaboración coa FEGAMP, pon a disposición dos concellos.