Skip to main content
ActualidadeMeira

A Deputación clausura en Meira a Semana Escolar da Provincia

Por 30 Novembro, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, mantiveron un encontro este venres cos alumnos dos institutos de Meira e Foz, que participaron na 5ª Semana Escolar da Provincia, organizada polo Goberno da Deputación. O obxectivo desta iniciativa, na que participaron preto de 8.000 alumnos de 44 centros de toda a provincia, é concienciar aos máis novos sobre a importancia de coidar e conservar o medio natural. A programación deste ano xirou en torno á agroalimentación.

Campos Conde participou na Festa escolar da agroalimentación que os 172 alumnos do IES Pedregal de Irimia de Meira celebraron para clausurar a 5ª Semana Escolar. Alí, o Presidente subliñou que “buscamos divulgar entre a mocidade a realidade e a diversidade da natureza dentro da provincia. Dende o Goberno da Deputación, apoiamos e promovemos o noso rural e, unha forma de facelo, e dar a coñecer as súas potencialidades entre os nosos escolares, pois eles son o futuro da provincia”.

Fernández Queipo, pola súa banda, reuniuse cos 206 alumnos do IES de Foz e destacou que “queremos presentar ao alumnado as oportunidades de futuro dos nosos produtos: desde o mel, a castaña, a carne, o leite ou os queixos. Temos que sentirnos orgullosos de todo o que producimos na provincia e por en valor a produción ecolóxica, cada vez máis demandada. De aí que esta edición se dedicara a dar a coñecer a agroalimentación lucense, para o que achegamos un manual aos profesores e escolares que empregaron ao longo de toda a semana”.

A 5ª Semana Escolar da Provincia é unha iniciativa organizada polo Goberno da Deputación. Este proxecto está concibido para divulgar coñecementos sobre o patrimonio natural da provincia nos cursos de Educación Secundaria, e para amosar, entre outras cousas, o impacto e a relación que mantén o ser humano co medio ambiente.