Bonos consumo Vilalba

CC.OO. rexeita os orzamentos da Xunta para 2019

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO.) rexeita os orzamentos da Xunta para o 2019, que serán aprobados esta semana, por non se orientaren á creación de emprego de calidade. Segundo CCOO, durante o segundo trimestre deste ano, o PIB galego aumentou por riba da media española, pero isto non se está a traducir en postos de traballo «dignos». A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, lamenta que o PP renunciara a facer melloras nos orzamentos durante o trámite parlamentario, iniciado hai dous meses.

A sindicalista explica que a análise do proxecto de orzamentos para 2019 déixanos concluír que as contas públicas son continuístas e con moita carga ideolóxica. «Non deberían de cualificarse de expansivas porque o gasto non financeiro medrará menos do que o fará o PIB nominal».

As cifras macroeconómicas «ofrecen a falsa aparencia dun contexto económico e social recuperado», apunta Bouza. Fronte a isto, coida que os orzamentos deberían «reconducir a situación» atendendo, en especial, a tres cuestións: a xeración de emprego de calidade; a aposta polo tecido produtivo e a súa diversificación, e o reforzamento dos servizos públicos e a protección social.

Segundo as previsións do Goberno, no ano 2019 debilitaranse o crecemento económico e a xeración de emprego. Galicia continuará por tras da media española en creación de postos de traballo. A taxa de paro seguirá sendo alta: un 12,7 % (dez anos antes estaba no 12,4 %). Asemade, a súa caída seguirá condicionada pola perda de poboación activa.

A participación da poboación asalariada na distribución da renda diminúe, pois a recuperación do emprego vai da man dunha elevada precariedade. A poboación activa non deixa de caer e aínda falta moito para recuperar os dereitos laborais e sociais de antes da crise. Por esta razón, CC.OO. critica que a Xunta fale dun «crecemento san» da economía galega.

O gasto público non financeiro «non é excesivo, como nos queren facer crer», e mantense por debaixo das cifras anteriores á crise. «En todo caso, o problema das contas públicas está na escaseza de ingresos para financialo», afirma Bouza. O Goberno, no canto de incrementar os ingresos cunha política fiscal máis equitativa aproveitando as súas competencias tributarias, segue apostando polas rebaixas fiscais. Para o ano 2019 estímase que se deixarán de percibir 430 millóns de euros polos beneficios fiscais; son 34 millóns de euros máis do que se deixou de recadar no 2018.

«En CC.OO. consideramos que os beneficios fiscais deben ser avaliados, tanto cuantitativa como cualitativamente, porque na actual conxuntura requírese recadar máis —seguindo o principio de equidade e redistribución fiscal— para dispoñer de máis recursos e destinalos a reforzar o gasto social e o investimento», apunta a secretaria de Emprego de CCOO.

Propostas de CC.OO.

Para Comisións Obreiras, o crecemento económico debería ir acompañado dunha «política expansiva» que impulsase o gasto social e o investimento «para lograrmos unha fase máis duradeira de crecemento vigoroso do PIB».

Entre outras cuestións, o sindicato pide incrementar o orzamento destinado ás políticas activas de emprego; destinar máis recursos á sanidade, educación, a protección das persoas dependentes, a protección social e políticas de igualdade; recuperar o peso dos servizos públicos en termos de PIB; aplicar o dereito á negociación colectiva aos traballadores e traballadoras do sector público; e aumentar o investimento público tanto nos sectores produtivos básicos como nos de maior potencial de futuro, como vía de estímulo á actividade económica e a creación de emprego.

Etiquetas