Skip to main content
Actualidade

A Deputación destina 2,3 millóns para financiar os 7 grupos de emerxencia da provincia

Por 27 Decembro, 2018Sin comentarios

O Executivo aprobou en xunta de goberno o convenio de colaboración para o desenvolvemento e financiación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), a través do que o Goberno Provincial achegará ata o 2021, 2.352.000 euros cos que financiar os 7 grupos de emerxencias supramunicipais (GES) que hai na provincia de Lugo. Trátase dun orzamento co que o Goberno da Deputación asume os custos de persoal dos 84 profesionais que conforman estes grupos, así como os gastos correntes para garantir o seu funcionamento. O orzamento total deste servizo ascende aos 3.472.000 euros, dos que a Deputación achega o 40%, a Xunta de Galicia o 52,5% e os Concellos o 7,5% restante.

Na provincia de Lugo hai 7 grupos de emerxencias supramunicipais: Ancares, Lugo e Sarria con sede en Becerreá; Mariña Central e Occidental con sede en Cervo; Baleira con sede en Baleira; Ulloa, Lugo e Chantada con sede en Monterroso; Mariña Central e Occidental, con sede na Pontenova, e na zona da Terra Chá (con sede por determinar), que contan todos eles con 12 profesionais, así como a zona de Quiroga e Terras de Lemos, con sede en Folgoso do Courel e Quiroga (municipios que comparten grupo) con outros 12.

Os GES complementan a atención das emerxencias e extinción de incendios forestais, xunto cos parques de bombeiros municipais e os parques de bombeiros comarcais, de forma que cobren zonas desprovistas de servizos de emerxencia, cun ámbito de actuación superior ao municipal. Do mesmo xeito, ditos grupos participan en labores de prevención de incendios.

A de Lugo, 1ª Deputación Galega que asumiu os custos dos GES

Cómpre lembrar que o Goberno converteu a de Lugo na 1ª Deputación galega que asumiu os custos municipais dos GES. Así, no 2016 asinou convenios de colaboración cos 7 Concellos lucenses que contan con Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) para asumir a súa parte no financiamento. Deste xeito, a Deputación fíxose cargo do 40% dos custos dos GES na provincia, asumindo o 20% dos Concellos, que representan 50.000 euros en cada municipio, e seguiu pagando o 20% que lle correspondía. Foron un total de 900.000 euros, os que o organismo provincial destinou aos custos municipais dos GES durante os anos 2016, 2017 e 2018.