Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Unións Agrarias insta á revisión das axudas para os danos do lobo

Por 15 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Unións Agrarias instará mediante un escrito á Consellería de Medio Ambiente para a inmediata retirada e revisión da recén publicada Orde do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre, onde se contemplan axudas destiñadas á prevención dos danos do lobo e o xabaril, para a que se dispón de 300.000 euros, dos que 200.000 serán para a prevención de danos na gandeiría (lobo) e 100.000 euros para a agricultura (xabaril).

A Orde, que non foi consultada nin pactada co sector, pese haber mecanismos sobrados de interlocución como o Consello Medioambiental, ou o Consello Agrario, adolece de serios erros que fará inviable e ineficaz a súa aplicación.

Introduce un cambio non pactado na tipoloxía dos cans para a defensa do gando, de xeito que nesta convocatoria se esixe a inscrición dos cans adquiridos no libro xenealóxico da raza, o que na práctica obriga aos gandeiros a adquisición dunha tipoloxía de can de mostra, moi bo para exposición ou a defensa estática, pero incapaz de acompañar ao gando no seu movemento no monte. Para a adquisición de cans se dispón de ata 140.000 euros, cun máximo de 500 euros por can.

Igualmente de cara as axudas para aos peches fixos para manexo seguro do gando, se esixe a presentación de todos os permisos e autorizacións de obra, como a licenza municipal, no momento da solicitude, o que é inviable nos casos nos que a concesión desta licenza involucra informes positivos doutros entes administrativos, como Carreteras, Augas de Galicia, ou mesmo a Consellería do Medio Ambiente no caso da Rede Natura.

Tamén é cuestionable no marco desta Orde, a subvención do Can de Palleiro, que si ben é unha excelente raza de can pastor e realiza un magnífico traballo cos rabaños, non ten aptitudes nin capacidade de enfrontarse ao lobo, o que fai inexplicable a súa presenza no marco dunha Orde de prevención de danos do lobo.

Unións Agrarias considera que estes erros que dificultarán enormemente á chegada dos fondos aos agricultores e gandeiros que soliciten as axudas, e a eficacia das medidas, terían sido perfectamente evitables si se tivera consultado previamente o borrador da Orde de axudas co sector, práctica que recomenda a Comisión Europea como boa práctica, e que está a ser sistemáticamente eludida por parte dos responsables de Medio Ambiente.

Por outra banda o sindicato reclama a posta en marcha definitiva do Fondo de Corresponsabilidade que figura na Lei 13/2013 de Caza de Galicia, que leva máis de 5 anos de retraso, e que permitiría normalizar todas estas convocatorias, e as de indemnización por danos, de forma que non sexan unicamente convocadas en ano electoral.