Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Pouco sentido

Por 18 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Por Pablo Veiga

É unha expresión esta moi recorrida na linguaxe popular galega á hora de referírmonos ás capacidades daquelas persoas que realizan feitos ós que non se lles atopan xustificacións. Adoitamos tamén dicir que falta un verán, un fervor, ou que non se teñen moitas luces.

Ven ó conto isto tra-las indignantes imaxes que se contemplaron a través das redes sociais a finais do pasado mes de decembro, nas cales varios rapaces incitaban –ou máis ben coaccionaban- a un señor maior que estaba tranquilamente pasando o seu tempo nunha praza da cidade de Lugo para que, supostamente, esnifase cocaína. O citado vídeo, en cuestión de horas circulaba pola internete, convertíndose en viral, sendo portada dos noticieiros, non só aquí en Galicia senón nas cadeas televisivas e xornais de ámbito estatal. De contado, as reaccións non se fixeron agardar, suscitando unha vaga de críticas cara os autores desa valentía, uns mozos que viñan de rematar a súa noite de esmorga e parece que lles faltaba unha última peza para dar por finiquitada a troula. No canto de tomar un cafetiño ou un chocolate ben quente, optaron por facer o ridículo, ademáis de por en risco a saúde do home en cuestión.

Evidentemente, a inconsciencia destes tres ou catro rapaces ó facerlle iso a un ancián, aínda que en realidade non fose unha substancia como a cocaína, é maiúscula, pero que se grave e se difunda a través das redes sociais resulta aínda máis inconcebible. As consecuencias para os autores desta crueledade foron inmediatas, xa que a súa doada identificación xerou a súa rápida detención, pasando algún deles unha noite no calabozo, sen dúbida un bon medicamento para que nun futuro pensen dúas veces se merece a pena facer o que fixeron. Cada quen ten que ser responsable, para ben ou para mal, do que se fai de palabra, obra e omisión. E neste caso, non pode servir de atenuante que os raparigos –todos eles maiores de idade- viñeran de copas e quixeran seguir coa diversión. Non só foi unha broma para botar unhas gargalladas, senón que foi unha acción impresentable, irrespetuosa e que podía ter un fatal resultado para o triste protagonista desta historia, que non é outro o bon do señor que estaba disfrutando do seu paseo matinal. Está claro que eses irresponsables non repararon que enfronte podían ter o seu avó, porque probablemente escollesen outro tipo de alternativa máis digna.

Pouco sentido e falta de valores é o que se aprecia neste tipo de accións, cada vez máis habituais. No entanto, tamén cómpre destacar o comunicado dun dos rapaces que estaba nese grupo, desvinculándose do resto, asumindo que estaba presente, que tamén se mofou do señor, pero circunscribíndoo a que viña de festa e  el mesmo pediu perdón publicamente á vítima e á súa familia, ben polas reaccións tan negativas que suscitaron as imaxes con fortes descualificacións cara os seus autores, ou ben porque el si teña ese sentido do que carece o resto desa manada.

Un gran non fai graneiro, pero …