Skip to main content
Actualidade

O PP afirma que os orzamentos de Pedro Sáchez recurtan o investimento na provincia un 19,9%

Por 29 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Os populares lucenses insisten en que “Lugo é a provincia máis castigada dentro dunha comunidade, Galicia, onde o investimento se recorta un 19,9% nos Presupostos presentados polo Goberno de Pedro Sánchez para este 2019 con respecto ás contas elaboradas polo Goberno Popular no 2018”.

Así, o manifestan dende o PP lucense en relación ás declaracións do delegado do Goberno en Galicia hoxe en Lugo. “O certo é que non hai dúbida de que os costes dos proxectos e as anualidades que estaban xa previstas e que servirían para poñer en marcha en tempos de crise as infraestruturas na nosa provincia se reduciron substancialmente partida a partida con respecto ao 2018. Así o reflicten as propias contas presentadas polos socialistas que tanto teñen criticado os Presupostos do Goberno popular por insuficientes; pero agora que poden escribir eles mesmos a carta aos Reis Magos reducen alegando que estaban inflados”, engaden os populares para advertir que “agora as infraestruturas da nosa provincia corren o risco de paralizarse ou sufrir importantes retrasos”.

Ante esta situación, convidan ao Goberno socialista a “incrementar vía emendas as partidas necesarias para que ningunha obra teña menos contía das que xa figuraban na previsión da anualidade para 2019 nos Presupostos elaborados polo PP e que aínda están vixentes” e recoméndalle ao delegado do Goberno que “lle esixa a Sánchez o mesmo trato para os galegos que para os cataláns” e que “non permita o agravio aos lucenses e a tódolos galegos que supoñen os Presupostos Xerais do Estado para o 2019”.

Concretamente, en relación aos investimentos dirixidos ás estradas da provincia os populares inciden en que “lonxe de impulsar a autovía A-54 entre Lugo e Santiago, o Goberno socialista reduce as contías nun 68% para o tramo entre Palas e Melide condenándoo á paralización durante todo este 2019 igual que ao intercomunicador coa N-540 en Guntín que ve reducida a súa previsión de 5 millóns a 100.000 euros”, engaden dende o Partido Popular. Do mesmo xeito, “coa asignación das mesmas cantidades que xa figuraban en presupostos anteriores para a autovía A-56, entre Lugo e Ourense, o único que se poderá finalizar este ano serán os 10 quilómetros que xa impulsou o goberno Popular entre San Martiño e A Barrela”.

Os populares non se esquecen das infraestruturas viarias na Mariña e sinalan unha redución do coste total presupostado para os diferentes tramos da Autovía A-74 (San Cibrao-Burela, Foz-Burela e Barreiros-Foz) que cos Presupostos do Executivo de Pedro Sánchez se verán reducidas nun 98%; xa que pasan de algo máis de 258 millóns a pouco máis de 5 millóns de euros”.

Comunicacións ferroviarias
Dende o PP de Lugo tamén sinalan que “por se non fora pouco reducir os investimentos das dúas partidas máis importantes en materia de comunicación ferroviaria na nosa provincia, o proxecto de Presupostos do Estado dos socialistas rebela retrasos para a renovación e variantes na liña Monforte-Lugo ata o 2023”. Neste caso, “os orzamentos do PP recollían un coste total de 889 millóns de euros, pero no presuposto socialista redúceno a 310 millóns”, manifestan para engadir que “igualmente a partida de electrificación da liña Monforte-Lugo recolle a redución do coste das obras dos 113 millóns aos 83 millóns”.

Políticas sociais
Os populares lucenses recórdanlle ao señor Losada que “as medidas de carácter social das que presume aprobounas o PP nos Presupostos do 2018 e nos acordos cos axentes sociais logrando a subida das pensións, do salario dos traballadores públicos, etc.”.

“Tamén presume de defender as pequenas empresas, pero esquece dicir que lles subiu as cotizacións sociais ás empresas e traballadores ata un 22% penalizando así o emprego e poñendo en risco numerosos postos de traballo”, critican dende o PP lucense. Concretamente, os populares lamentan que “o señor Losada esqueza o incremento de ata o 57% das cotizacións sociais dos sectores da pesca, agricultura e gandería que poñen en risco moitos empregos na nosa provincia”. Igualmente, dende o Partido Popular inciden en que “o Goberno socialista di defender as rendas medias e baixas mentres sube os impostos ao diésel ou ao aforro”.