Skip to main content
Actualidade

A Deputación pon en marcha os premios Lugo Cambia ao turismo e á gastronomía lucense

Por 9 Marzo, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presidiu no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos, a sesión ordinaria do Consello Provincial de Turismo. Nesta reunión participaron 20 membros deste novo organismo posto en marcha polo Goberno da Deputación para impulsar este sector a través deste novo ente, participativo e consultivo.

Nesta xornada aprobáronse as bases do novo premio Lugo Cambia, enmarcado dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que constará de dúas modalidades; ao turismo e á gastronomía lucense. Con estes galardóns, que se convocarán o vindeiro ano, recoñecerase o traballo de persoas, entidades ou institucións a prol do fomento da promoción turística da provincia, así como actuacións innovadoras na gastronomía lucense.

No transcurso desta sesión informouse tamén do traballo realizado polo Goberno da Deputación na promoción turística ao longo deste semestre. Presentouse o proxecto de implantación de sinalización intelixente a través dunha APP de tódolos recursos turísticos da provincia, que xa esta a punto de adxudicarse. No que se refire à posta en valor dos nosos recursos, participouse en Fitur en colaboración co APEHL, na revista “E para comer Lugo..”, realizouse un curso de enoturismo, participouse nas xornadas Estase Cocendo, e impulsouse o micoturismo e turismo científico no xeodestino Ancares-Courel.

Ademais, o Executivo Provincial continúa coa súa programación de impulso ás candidaturas do Xeoparque Mundial da UNESCO de Montañas do Courel e a da Ribeira Sacra. Tamén se realizou un balance das rutas fluviais da Deputación que nesta última tempada rexistraron 59.300 visitas, 6.128 máis que na anterior. E por último o impulso ao turismo científico coa creación dun ecosistema integrado nos Ancares- O Courel. Unha iniciativa coa que o executivo provincial propón o desenvolvemento de fórmulas turísticas diferenciais para este territorio da Montaña Lucense.

Tamén se puxo en marcha a web de turismo da Deputación, realizáronse folletos informativos sobre os xeodestinos e a gastronomía da provincia. E impulsáronse as redes sociais coa celebración e promoción de eventos turísticos, gastronómicos e culturais. E definiuse unha nova estratexia de comunicación en redes sociais, a través de facebook, tuiter, instagram e youtube, así como a creación dun calendario de eventos da provincia.

A maiores, o Goberno da Deputación da man dos 67 Concellos da provincia, participou nas feiras e eventos turísticos máis relevantes do panorama turístico, tanto nacionais como autonómicas. Concretamente estivo presente en FITUR; no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo- Xantar en Ourense; no Festival Marítimo de Pasaia e no FAIRWAY, III Forum do Camiño de Santiago. E tamén está prevista a participación en Expo-cidades en Braga, Expo-vacacións en Barakaldo  e Termatalia en Ourense. O Executivo Provincial tamén puxo en valor o Camiño Norte, a través dunha FAMTRIP, para potencialo.

Por último, o Goberno da Deputación mantén as campañas de promoción de turismo en revistas especializadas, así como novas publicacións como o libro “Coloreando a provincia”, o libro Dicionario da comida galega, que recolle un amplo listado de produtos gastronómicos galegos. E nestes momentos está traballando sobre a guía termal da provincia en colaboración co Eixo Atlántico, entidade coa que xa editou unha guía de espazos naturais. Ademais, a Deputación participa en foros e mesas como a do Camiño, coa Asociación Española de Municipios do Camiño de Santiago. E colabora con entes como ACEVIN (Asociación españolas de cidades do viño) con actuacións como a posta en marcha dunha nova web colaborativa. E por suposto, colaborase cos 67 Concellos na promoción turística a través do Plan Único.

A posta en marcha do Consello Provincial de Turismo é unha das medidas definidas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo na Provincia de Lugo (2017-2020), pois establece a constitución de estruturas de xestión de carácter multidisciplinar e participativas que promovan accións en impulso da marca turística Lugo. Forman parte deste organismo 26 persoas relacionadas co turismo da provincia ( representando a asociacións, entidades e institucións), co obxectivo de impulsar a gobernanza turística a través deste novo ente, participativo e consultivo.