Skip to main content
ActualidadeMeira

Alumnado de Meira súmase a programa ‘Apuntámonos a non beber’

Por 17 Marzo, 2019Sin comentarios

Tres Institutos de Educación Secundaria (IES) lugueses participan este curso no programa Apuntámonos a non beber, dirixido a alumnado de 1º da ESO. Na provincia de Lugo toman parte no proxecto un aula do do IES Pedregal de Irimia de Meira, ademais do IES Río Cabe de Monforte de Lemos e do IES do Camiño de Palas de Rei.

O programa desenvólvese durante este segundo trimestre e o terceiro. Ten entre os seus obxectivos específicos atrasar a idade de inicio do consumo de alcohol na adolescencia; potenciar as habilidades para saber dicir que non ante as presións grupais; reforzar as accións preventivas sobre o alcohol realizadas previamente na aula e potenciar a realización das actividades en grupo, para favorecer a introdución das mensaxes de hábitos de vida saudables.

As actividades veñen de comezar nos centros participantes cunha primeira xornada de formación inicial, na que técnicos responsables do programa se encargan de proporcionar nocións básicas sobre o concepto de dependencia, abordar os mitos sobre o consumo de alcohol e aspectos relativos á prevención do seu consumo en menores de idade.

A seguinte fase, de investigación, consiste en recompilar anuncios publicitarios ou promocións de bebidas alcohólicas e analizar as estratexias empregadas para captar aos consumidores.

Na terceira e última fase, os alumnos e alumnas poden escoller entre dúas categorías de participación: realizar unha análise crítica dunha campaña publicitaria dun produto xa comercializado, ou ben elaborar unha campaña de contrapublicidade dun produto alcohólico publicitado. Ao final outorgaranse dous premios, un en cada categoría, entre os traballos realizados polo alumnado das diferentes aulas participantes.

O proxecto Apuntámonos a non beber é dun dos programas educativos ofertados dentro do plan Proxecta da Consellería de Educación. Pretende involucrar a toda a comunidade educativa e busca, entre outros obxectivos, que os rapaces coñezan a relación do alcohol coa saúde e cos riscos de exclusión social; que non se normalice a conduta de consumir alcohol nos adolescentes e fomentar os valores de prevención entre as familias.