Skip to main content
Actualidade

Abre o prazo de solicitude para os programas de balnearios e talasos

Por 14 Abril, 2019Sin comentarios

A Xunta de Galicia abriu o prazo de solicitude para as 366 prazas en tres balnearios e un talaso da provincia de Lugo dentro das novas edicións dos programas de Benestar en Balnearios e Benestar a través da Talasoterapia dirixidas aos maiores da Comunidade Autónoma. Estas dúas iniciativas teñen como finalidade que as persoas maiores desfruten do seu tempo de lecer en espazos que lles proporcionen unha maior calidade de vida.

Así, todos os maiores de 65 anos ou de 55 que sexan pensionistas prazas poden cursar a súa solicitude para o Thalasso Cantábrico de Viveiro e nos balnearios Termas de Lugo, Hotel Balneario Augas Santas (Ferreira de Pantón) e Balneario do Río Pambre (Palas de Rei).

No caso do programa de Benestar en Balnearios, as quendas son de 10 días, con 9 noites cada unha, e desenvolveranse entre os meses de maio e outubro. As estancias nos talasos serán de 6 días e 5 noites cada unha, e terán lugar de maio a novembro. As persoas interesadas teñen ata o vindeiro día 2 de maio para presentar as súas solicitudes e poden facelo a través da sede electrónica da Xunta ou dos respectivos rexistros.

En toda a comunidade, a Xunta oferta 1062 prazas (362 en talasos 700 en balnearios). Ademais dos establecementos lugueses, forman parte do programa o Hotel Talaso Louro da Illa da Toxa e os seguintes balnearios: Baños Vellos de Carballo, Balneario de Acuña (Caldas de Reis), Os Baños da Brea (Vila de Cruces), Balneario de Caldelas (Tui), Termas de Cuntis-Hotel Castro, Balneario de Mondariz, Balneario de Molgas (Baños de Molgas), Gran Balneario do Carballiño-Residencia de Tempo Libre do Carballiño, Caldaria Termal de Laias (Cenlle), Lobios-Hotel Lusitano e Caldaria Termal de Arnoia.

Estes dous programas responden a catro obxectivos, xa que contribúen a mellorar a calidade de vida dos maiores, ao fomento de actitudes positivas cara o coidado da saúde e a promoción da autonomía persoal, a favorecer as relacións sociais e apostan por un sector de actividade no que Galicia é punteira.