Skip to main content
Actualidade

O PP repartiu o 80% dos poucos fondos públicos da Xunta que achegou á provincia entre 29 Concellos onde goberna

O PP repartiu o 80% dos poucos fondos públicos que achegou á provincia dende o Goberno galego da Xunta entre uns poucos Concellos onde goberna. Así se pode constatar no portal web da administración autonómica sobre o Rexistro de Convenios onde figuran uns 16,2 millóns para 29 municipios gobernados polo Partido Popular. Ante este reparto caciquil e clientelar que fai o PP dende a Xunta, o Partido Socialista na Provincia de Lugo presentou unha moción ao Pleno da Deputación, instando ao executivo autonómico a establecer criterios obxectivos que atendan á situación socioeconómica da provincia na distribución de fondos públicos de todos os cidadáns na Xunta de Galicia.

Esta proposta contou cos votos a favor dos representantes do PSOE e do BNG. O PP opúxose, amparándose no Fondo de Cooperación Local que se nutre do orzamento que por lei lle corresponde aos municipios pola súa participación nos tributos da autonomía, non sendo, polo tanto, investimentos da Xunta. Tampouco apoiou esta iniciativa o Deputado non adscrito e Alcalde de Becerreá aínda que este Concello non se beneficiou de convenio ningún.  

No portal web da Xunta figuran os convenios aprobados entre 2016 e 2018, ocultando os de 2019 en contra da Lei de Transparencia. Durante dito período, asináronse 118 con 48 municipios por valor de 20,3 millóns de euros. Do total destes fondos, 16,2 millóns, que representan o 80% do orzamento, foron para 29 Concellos gobernados polo Partido Popular. Os 4,1 millóns restantes, o 20% dos fondos, foron para 19 municipios gobernados por outras formacións políticas (PSOE, BNG e INTA). Quedaron sen ningunha axuda pública outros 19 municipios.

Os 16,3 millóns foron para Abadín, Antas de Ulla, As Nogais, Barralla, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castro de Rei, Cervo, Cospeito, Folgoso do Courel, Foz, Friol, Guntín, Mondoñedo, O Corgo, O Saviñao, O Vicedo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Riotorto, Sober, Taboada, Vilalba e Xove. 4,1 millóns para A Pastoriza, Alfoz, Burela, Castroverde, Cervantes, Chantada, Láncara, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Negueira de Muñiz, O Incio, Pol, A Pobra do Brollón, Sarria, Trabada, Ribadeo, Viveiro e Xermade. Quedaron sen fondo algún Baleira, Barreiros, Becerreá, A Fonsagrada, Guitiriz, Lourenzá, Meira, Muras, Navia de Suarna, Ourol, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela e O Valadouro.

O presidente da Deputación, o socialista Darío Campos Conde, destacou que fronte “ao reparto caciquil e clientelar de fondos públicos que fai o Partido Popular dende a Xunta de Galicia, dende o PSOE podemos ir coa cabeza levantada a todos os Concellos da provincia, pois dende o Goberno Provincial fixemos unha distribución dos fondos públicos de todos os cidadáns na Deputación de xeito obxectivo e equitativo, chegando aos 67 Concellos e polo tanto beneficiando aos máis de 300.000 veciños da provincia, como ten que ser. Levamos investimentos de máis de 145 millóns de euros a toda provincia, para todos os lucenses”.