Skip to main content
Actualidade

Comeza unha campaña de limpeza de estradas na provincia

Por 21 Maio, 2019Sin comentarios

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a traballar dende principios de maio na campaña de limpeza de marxes das estradas autonómicas da provincia de Lugo, que está previsto que quede completada a finais de xuño.

Esta actuación supón un investimento de 852.500 euros, para actuar nun total de 1491 quilómetros de 117 estradas que conforman a rede viaria autonómica nesta provincia.

Como é habitual nesta campaña que desenvolve a AXI cada ano, as labores de roza da vexetación nas marxes das estradas comezan naquelas zonas onde a vexetación está nun estado máis avanzado por circunstancias climáticas ou biolóxicas.

Os traballos realízanse periodicamente entre a primavera e o verán, cando xa xerminaron as especies herbáceas, con tempo seco, e consisten na sega da vexetación e a extensión de herbicida para atrasar no posible a aparición de novas plantas.

A limpeza das marxes incrementa a seguridade na circulación, ao mellorar as condicións de visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradía; optimizar a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe da estrada (cunetas, tubos…), evitando estancamentos por vexetación; ademais de favorecer a percepción da irrupción de animais na calzada con maior antelación, permitindo dispoñer dun maior tempo de reacción ao condutor para evitar posibles colisións.

Ao mesmo tempo, a limpeza das cunetas incrementa a efectividade da estrada como cortalume en caso de incendio e o aspecto despexado disuade de posibles verteduras incontroladas.