Skip to main content
Actualidade

Outeiro de Rei organiza un curso sobre o manexo seguro da motoserra

Por 13 Setembro, 2019Sin comentarios

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, en colaboración co Concello de Outeiro de Rei, promove un curso presencial e gratuíto de prevención de riscos laborais no sector forestal de Manexo seguro da motoserra dirixido a persoas traballadoras, maiores de idade, con interese na actividade forestal.

O contido do curso serán os conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo. A Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e a normativa relacionada. A prevención de riscos laborais no manexo da motoserra que terá unha duración de 4 horas e que inclúe a planificación dos traballos de aproveitamento, a corta polo pé e o procesamento, e ás árbores sentadas e árbores apoiadas.

Falarase tamén dos equipos de protección individual, a prevención de riscos laborais co tractor, a seguridade viaria no manexo de máquinas automotrices por estradas e camiños agrícolas e forestais, os primeiros auxilios e a primeira intervención en caso de accidente, e a práctica de campo. O manexo seguro da motoserra tamén será un tema a tratar xunto co seu montaxe e desmontaxe, o mantemento e identificación dos dispositivos de seguridade; técnicas de apeo, derramado e tronzado.

Esta formación realizarase no Centro Cultural de Robra durante os días 23 a 27 de setembro de 2019 en horario de 16.00 a 20.00 horas. O curso terá unha duración de 20 horas lectivas e un máximo de 15 prazas e para poder realizar esta acción formativa é preciso contar cun mínimo de 10 alumnos.

Á hora de seleccionar ao alumnado, o ISSGA establece como criterios de prioridade ter unha vinculación laboral ou formación relacionada coa actividade forestal; non obstante, se non se cobren as prazas, poderá acceder ao mesmo calquera persoa interesada no tema.

As persoas  interesadas poderán consultar información adicional e inscribirse no curso con data límite o 18 de setembro tanto na web do ISSGA (http://issga.xunta.gal) como no servizo de Emprego e Desenvolvemento Local   no Concello de Outeiro de Rei, teléfono 982 393 382.