Skip to main content
ActualidadeVilalbaXermade

Edís populares de Xermade e As Pontes solidarízanse cos traballadores de Endesa

Por 1 Outubro, 2019Sin comentarios

Os deputados populares da Deputación e os edís do PP de Xermade e Vilalba amosan todo o seu apoio e solidariedade aos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes, coa industria auxiliar e cos transportistas vencellados a ela e co Porto de Ferrol. Esixen ao Goberno de España a aplicación de medidas urxentes para garantir a inmediata reapertura da central. Deste xeito, dende o PP continúan co frente común iniciado dende que se coñeceu esta noticia, e fano co fin de que non se destrúa máis emprego na provincia.

O peche desta industria tería implicacións “dramáticas” para Galicia, pero tamén para a provincia, concretamente para a Terra Chá e A Mariña. Tal é así que suporía a perda de centos de empregos neste municipios e tería un impacto económico e social cunhas consecuencias “moi prexudiciais” para estas dúas comarcas; de aí que nas iniciativas presentadas polos populares, e se os socialistas non dan unha solución, consideren que a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, debería presentar a súa dimisión.

A central térmica de As Pontes é o maior grupo de produción de enerxía de Galicia. Dá emprego directo a 700 persoas e xera un impacto económico na zona de 80 millóns de euros. Dende marzo de 2018, a instalación estaba inmersa na adaptación á Directiva de Emisións Industriais da Unión Europea, comprometendo un investimento de 217 millóns de euros para garantir unha alta eficiencia ambiental e cumprir máis aló dos requisitos da norma comunitaria.

A entidade acordou a paralización da súa actividade dende hai cinco meses e suspendeu gran parte da execución do investimento previsto, como consecuencia dunha política enerxética desordenada por parte do Goberno de España, que avoga polo abandono anticipado do carbón sen dar resposta ás consecuencias en termos de actividade e emprego nos territorios afectados, nin en termos de garantía da subministración eléctrica a un prezo competitivo.

Foi o 27 de setembro cando a propia empresa confirmou a descontinuidade da produción das súas centrais, entre elas a de As Pontes. Por este motivo, dende o PP consideran que “non podemos manternos impasibles ante o desmantelamento dun sector económico que xera moita riqueza” e amosan “a unidade de acción para denunciar este novo castigo e esixir inmediatamente solucións que garantan o futuro, os emprego e eviten unha nova reconversión industrial nesta zona”.