Skip to main content
Actualidade

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Endesa buscan alternativas ao peche

Por 2 Outubro, 2019Sin comentarios

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Endesa comprometéronse a traballar na búsqueda de alternativas viables para a central térmica das Pontes, durante a reunión celebrada está mañá en Madrid.

Neste encontro, no que estiveron presentes, por primeira vez, todos os actores implicados, Ministerio de Transición Ecolóxica, Xunta de Galicia, Concello das Pontes, Endesa e os representantes dos traballadores, avaliouse, de forma conxunta, a situación actual da térmica pontesa co obxectivo de identificar as medidas que se poden poñer en marcha, de cara ao futuro, para garantir a continuidade da súa actividade.

Ao término deste encontro, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, indicou que “saímos co compromiso de traballar, por parte de todos os axentes implicados, tanto do Estado, Ministerio de Transición Ecolóxica, Ministerio de Facenda, IDAE, Xunta de Galicia, Endesa e todos os axentes socias que estamos co corazón nun puño con respecto ao futuro do complexo eléctrico”

O rexedor, asemade, apuntou que é preciso materializar ese compromiso para gañar tempo para que, durante ese período de tempo, Endesa poida continuar coas probas que está a facer para substituír ou hibridar o cabrón con outros combustibles bioresiduos e, ao mesmo tempo, activar diversos mecanismos á espera das conclusións destas probas.

Mecanismos que en palabras do rexedor, deben facilitar alternativas de futuro para o funcionamento da central e para a xeración de emprego que garanta o emprego ás persoas que depende do complexo así como chegar a conclusións sobre os apoios que serían precisos activar por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica o Facenda, tales como a eliminación de céntimo verde ou outro tipo de esforzos como poden ser o pago por capacidade, que permitan continuar coa actividade da térmica no futuro.

En relación á procura de alternativas de futuro, González Formoso apuntou que é preciso ser moi prudente, trátase dunha opción que a propia empresa está testando nas súas instalacións e existe o seu compromiso para seguir avanzando nesas probas pero “é un proceso moi complexo no que é preciso comprobar o escenario técnico e económico de viabilidade da central con outros combustibles, xa non só por parte de Endesa senón tamén polo IDAE, o Ministerio de Industria e as Universidades galegas que se implicarán no proceso para ter clara a viabilidade, con certeza, de outras alternativas de futuro para non crear falsas e expectativas”

Finalmente, Gonzalez Formoso mostrouse cauto e así sinalou que “hai que ser moi prudente co escenario, é francamente difícil pero existe o compromiso por parte de todos os axentes implicados. Seguimos motivados para seguir traballando pero igualmente preocupados porque non hai ningunha resolución que nos permita estar tranquilos”.

XUNTA DE GALICIA

Pola súa banda, a Xunta vén de solicitar ao Goberno central a adopción de medidas a curto prazo e de impacto que permitan reanudar a actividade na central térmica das Pontes, así como o impulso dunha transición enerxética xusta e ordeada. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Madrid na reunión convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para avaliar a situación da central térmica das Pontes, á que tamén asistiron representantes da empresa e dos traballadores, así como o alcalde da localidade.

Conde lamentou a falta de propostas por parte do Goberno para reactivar a actividade e garantir o emprego na comarca e trasladou a vontade da Xunta de seguir traballando, de xeito conxunto, activamente para a identificación de solucións e a adopción de medidas que dean unha resposta a esta situación xa que, incidiu, non hai tempo. En concreto, o Goberno galego solicitou ao Estado traballar de xeito conxunto para conseguir reactivar a actividade na factoría -que leva cinco meses parada- e reclamou a posta en marcha de medidas a curto prazo como a eliminación do céntimo verde ao carbón, a redución da fiscalidade ou o establecemento de pagos por capacidade para as térmicas.

Conde incidiu, por outra parte, na necesidade de apostar por unha transición enerxética xusta e ordenada que non supoña unha ruptura enerxética e que non se traduza nunha destrución do tecido industrial galego e do emprego asociado. Neste sentido, a Xunta pide a posta en marcha do Plan de acción urxente da estratexia de transición xusta 2019-2021 destinado ás centrais en proceso de transición; así como a participación de Galicia na plataforma europea de rexións afectadas polo peche de centrais térmicas. O obxectivo é que a Comunidade estea presente nestes grupos de traballo para a busca de alternativas socioeconómicas a futuro.

A Xunta lembra que a prioridade son as 750 familias vinculadas á central das Pontes e que calquera solución que se poida adoptar ten que contar co mantemento do emprego, xa que non se pode abordar unha reestruturación sen ofrecer alternativas reais e viables.