Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Enxovais megalíticos do Buríz

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

Por Miriam Fernández

Por todo o territorio que abarca a Chaira é doado atopar monumentos megalíticos esparexidos por distintas localizacións de cada concello, unhas importantes evidencias arqueolóxicas que nos proporcionan información fundamental sobre a forma de vida dos poboadores da comarca durante a prehistoria. Algunhas delas, por descoñecemento ou desinterese, remataron por desaparecer, máis, outras tantas mantivéronse ata os nosos días rodeadas dunha aura mística que as fixo perdurar entre lendas e contos de mouros que as protexían a elas e ós tesouros que gardaban no seu interior.

Un dos elementos máis singulares destas construción de “grandes pedras”, e das que temos falado en máis dunha ocasión, son as famosas mámoas, modias, medorras ou medoñas, distintas denominación creadas para designar os túmulos funerarios característicos do Neolítico do noroeste peninsular, os cales soen manifestarse en conxuntos. Estes montículos identifícanse pola acumulación de terra e pedras acadando unha forma circular ou elíptica, agochando no seu interior unha estrutura formada por pedras chantadas de forma vertical (ortostatos) e unha laxe horizontal en forma de tapa, coñecida en conxunto como anta ou dolmen. A anta, que podían presentar tamén un corredor de acceso, creaba un habitáculo no que se procedía a enterrar o defunto (en moitas ocasións máis de un) acompañado do seu enxoval. Tamén existen exemplos de estruturas sinxelas tipo cista no canto da anta, compostas por catro pedras planas colocados en vertical formando un espazo cadrado ou rectangular tapado novamente por unha laxa.

Na parroquia do Buríz atopamos unha grande concentración destes monumentos tumulares, concretamente na zona oeste, entre Galiñeiro e San Vitorio, cuns exemplos bastante significativos en canto a enxovais funerarios, é dicir, os conxuntos de bens que se colocaban a carón do defunto de forma ritual para que acompañasen ó individuo no seu viaxe cara o alén., tales como vasos de cerámica, utensilios de pedra ou metal, orfebrería ou algún elemento identificativo das actividades que este desempeñaba (tecidura, artes de guerra, etc.).

No túmulo 5 das Modias da Pena da Cata, no monte Pelreo, levouse a cabo en 1972 unha escavación coordinada por D. Fermín Bouza-Brey na que traballaron un grupo de arqueólogos do Instituto Pai Sarmiento de Santiago de Compostela, do que él era xefe de Sección na área de Prehistoria. Deste conxunto de modias escaváronse cinco, atopando só restos de enxoval nunha delas. Os materias que se atoparon foron bastante significativos: un vaso campaniforme bastante ben conservado duns 4,5cm de altura e decoración incisa e punteada en zigzag; unha cunca ben conservada con forma de media esfera e de 9 cm de altura, con decoración xeométrica en zigzag e liñas paralelas punteadas; unha cunca tetralobulada peor conservada de 8,5 cm de alto decorada con liñas perpendiculares en zigzag (base) e liñas punteadas con decoración simbólica (corpo); e, por último, un disco de lousa e outro de arxila xunto con anacos de cerámica, algúns con decoracións  de estilo campaniforme. Estas pezas están depositadas nunha vitrina do piso primeiro do Instituto Pai Sarmiento de Santiago de Compostela.

Da destruída modia da Ventisca tamén se recuperou un pequeno vaso campaniforme sen decoración, cunhas medidas de 8 cm de alto, 5 cm de envergadura na base e 9,5 cm na boca, sen decoración e con dous pequenos orificios circulares equidistantes. Nos anos 70, unha década despois da destrución do xacemento, foi estudado polo antropólogo Xosé Manuel González Reboredo. Hoxe en día gárdase no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

De todos os restos atopados, sen desmerecer a importancia dos demais, podemos sinalar a singularidade do vaso tetralobulado da modia da Pena da Cata, unha peza que destaca pola pola súa peculiar forma caracterizada por catro lóbulos ou pequenos vasos integrados nunha mesma peza, ricamente decorada mediante liñas incisas entre as que se identifican patróns como o de espiña de peixe e o que parece ser a figuración de varios soles. Posiblemente se tratase dunha importante peza ritual que contería distintas ofrendas.

Por outra banda, a presenza de cerámica campaniforme fálanos da incidencia local dun fenómeno que se desenvolveu durante o Calcolítico e principios da Idade do Bronce na Europa Occidental, aproximadamente entre o 2.600 e o 2.000 a.C, caracterizado pola aparición en distintos contextos arqueolóxicos dunha singular cerámica en forma de campá invertida e decoración incisa que comparte un estilo e unhas características comúns presentes en xacementos localizados por toda Europa. A presencia da cerámica campaniforme, as cal soe aparecer con outros elementos (lanzas tipo palmela, brazais de arqueiro, botón, orfebrería, etc.) formando unha especie de “kit” tanto en contextos funerarios coma habitacionais, define un marcado desenvolvemento social e a presenza de elites que impulsan unha serie de importantes relacións persoais nas que intercambiaban gustos e ideas en amplas áreas territoriais, reflectidos nos seus enterramentos como sinais de identidade.

Por tanto, podemos afirmar que estes restos arqueolóxicos atopados no Buriz son en si mesmos pezas singulares e claros indicadores de que en territorio chairego as sociedades megalíticas alcanzaron un desenvolvemento significativo, atesourando nos seus lugares de enterramento un enxoval que deixa constancia dunhas prácticas e unha forma de vida marcada marcadas polo contexto xeral europeo,  sinalando ademáis unhas relación territoriais máis amplas do que que moitos caben esperar  para este período da nosa historia.