Skip to main content
Actualidade

O Aberto de Flores de billarda protestou contra a violencia de xénero

Por 15 Novembro, 2019Sin comentarios

O pasado sábado xogouse o Aberto de Flores, en San Miguel de Reinante, Barreiros, cun pequeño acto testimonial en contra da violencia de xénero. A cita foi moi aberta e disputada, como adoitan ser as que se desenrolan a cuberto da choiva e con sesenta e nove participantes en liza (cincoenta e tres homes, catorce donas e desta volta só dúas cativas).

Ainda que toda a xornada estivo moi  emocionante polo incerto dos resultados, os organizadores subliñan tres pinceladas neste marabilloso cadro multicolor. A pincelada granate foi a impecable actuación da tricampiona Geni no retorno as canchas, logo dunha xornada de ‘impasse’ por mor da posta a punto dun xeonllo. Só deixou escapar un punto (fixo vintecatro) e recuperou o mando na xeral de donas.

A pincelada verde puxoa Rubén, o bravo palanador de Chaínzos-Cadaval, que deixou moi crariño que o ‘cero pelado’ da xornada da Pontenova foi un mero e puntual accidente. Obtivo vintecatro puntos.

Finalmente a ‘esquerda de ouro da LNB’ ou como o definen os organizadores, o Yul Brynner dos Carabullo, Charli, non quixo repetir o fiasco da derradeira xornada, onde tendo o triunfo na man, viuse relegado ao terceiro posto e desta volta si rematou como campión facendose ca xornada cun pleno de vintecinco puntos que o sitúa no décimo cuarto posto da xeral.

Nun desempate para o segundo e terceiro posto do pódio entre Geni e Rubén, foi a ribadense quen se fixo co segundo posto.

No tocante a equipos, os Billardeiros Musicais prolongan a sinfonía ca que comenzaron na derradeira xornada e voltaron mandar por riba de Carabullo e de Chaínzos–Cadaval co que se aúpan ao mando da táboa de clasificacións.

As donas, una volta mais lucíronse en San Miguel, boa xornada para todas elas  destacando ademais da xa mentada Geni, Chinita (Troitas Bravas) e Lucía (Remourelle Bulls). As dúas acadaron cadanseus dezaseis puntos.

En infantís moi aceptable tamén as prestacións de Aroa,  unha xoia que comeza a brilar con luz propia e que máis cedo que tarde vai dar moitas tardes de gloria.

Houbo tamén unha man de tiros directos, mais soamente un foi contabilizado como ‘varado’ e de novo o autor de semellante proeza foi Chousa de Carabullo.

Rematada a xornada, o seleccionador Manolo Flores fixo entrega aos gañadores do aberto dunha artística figura e máis unha ristra de chourizos.

Subliñar que os Billardeiros Musicais adicaron nesta ocasión a victoria a un querido compañeiro que recentemente lles deixou. “Descansa en Paz Julio, a túa entrega e simpatia estará sempre na nosa memoria”, expresaron.

A seguinte xornada será xa o vindeiro sábado na capital da provincia. O Aberto de Lugo, organizado polo C.S. Madia Leva.