Skip to main content
ActualidadeTERRACHÁXA

Gadis participa na campaña solidaria ‘A Gran Recollida’

Por 21 Novembro, 2019Sin comentarios

Supermercados Gadis envórcase outra edición máis coa campaña solidaria A Gran Recollida, que impulsa a nivel nacional a Federación Española de Bancos de Alimentos os próximos venres e sábado 22 e 23 de novembro.
A compañía pon ao dispor dos seus clientes puntos de recollida de produtos de hixiene e alimentación non perecedoiros en 194 establecementos de Galicia e Castela e León, comunidades autónomas nas que desenvolve a súa actividade comercial.

Os artigos que recolla a empresa de distribución líder no Noroeste Peninsular serán entregados aos bancos de alimentos Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora.

As entidades benéficas, coas que Supermercados Gadis colabora de forma habitual ao longo do ano, serán as encargadas de xestionar a repartición da axuda entre os colectivos cos que cooperan. O obxectivo é lograr unha distribución eficaz e equilibrada entre os menos favorecidos.

Gadis destaca a xenerosidade e sensibilidade dos seus clientes en todas as campañas solidarias que pon en marcha nos seus puntos de venda, do mesmo xeito que a implicación do seu equipo humano. Son a clave para a elevada contribución da compañía aos bancos de alimentos.

Unha das campañas máis relevantes é a que desenvolve a iniciativa propia: Maio Solidario. Desde que en 2013, Gadis activou esta acción solidaria, reuníronse en total 932.807 quilogramos. Os beneficiados son sempre bancos de alimentos de Galicia e Castela e León.

Estas accións levan a cabo no marco do programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA, que inclúe máis de 2.100 accións anuais divididas en seis áreas estratéxicas. Priman a sustentabilidade ambiental; transparencia na xestión; creación de riqueza en condicións sociais dignas; apoio a ONG’ s e colectivos de persoas con capacidades diversas; impulso de iniciativas que repercuten positivamente no benestar da sociedade, como promover o deporte e a cultura; e o fomento do consumo responsable e de hábitos de vida saudables.

Gadisa conta con 222 Supermercados Gadis, 12 Cash Ifa e 182 establecementos Claudio e Claudio Express franquiados, situados en Galicia e Castela e León. Na Terra Chá conta con dous, un en Guitiriz e outro en Vilalba, ademais doutros dous nas Pontes.