Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O SLG alerta sobre os premios de sostibilidade concedidos a Erimsa

Por 4 Decembro, 2019Sin comentarios

A empresa mineira Erimsa recibiu en Bruxelas un Premio de Desenvolvemento Sostible entregado pola Asociación Europea de Áridos (UEPG) polas “súas boas prácticas medioambientais na comarca de Ordes”. En outubro do ano pasado, recollía un galardón semellante de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no marco do V Congreso Estatal de Áridos, que se celebrou en Compostela.

A este respecto o Sindicato Labrego Galego di que “non teriamos nada en contra de que asociacións profesionais se premiasen a si mesmas e ás súas socias se non fose porque hai novos proxectos de extracción de Erimsa que se queren levar adiante, tanto na comarca de Ordes como na Terra Chá, que teñen de todo menos sostibilidade ambiental. Precisamente, a ameaza do impacto ambiental e sobre as actividades agrogandeiras fixeron que, recentemente, os alcaldes de concellos como Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, en representación dos concellos chairegos afectados polas concesións mineiras, rexeitasen a súa actividade extractiva, que é a mesma que se está a practicar en Ordes”.

Os informes emitidos pola xefa do Servizo Xurídico-Administrativo da Xunta, co visto e prace do xefe territorial de Medio Rural de 14 e 15 de novembro de 2011, advirten que “a falta dun estudo máis detido, os efectos das concesións mineiras sobre as competencias desta Consellería poden ser prexudiciais para o sector agrogandeiro cuxos intereses esta Administración representa. Intereses distintos os dos dous sectores que, ao facelos coincidir sobre o mesmo espazo físico, deberanse harmonizar para non facer prevalecer uns (os mineiros) a costa do detrimento dos outros (os agropecuarios)”.

Na Terra Chá, á vista dos informes sectoriais emitidos, ademais das alegacións presentadas por numerosos colectivos e particulares, denegouse a preceptiva autorización autonómica ao entender que existía incompatibilidade entre a actividade extractiva e os valores obxecto de protección concorrentes nos solos afectados pola mesma. Consecuentemente, os concellos denegaron as licenzas de explotación solicitadas.

“Pero é que, ademais, existen numerosos estudos e informes de expertos independentes que tamén cuestionan a sostibilidade das extraccións minerais de Erimsa. Un bo exemplo son as consideracións sobre os impactos e afeccións que sufrirían os solos obxecto de explotación, tomando como base os datos dos proxectos formulados por Erimsa, feitas por Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agraria da USC. Díaz-Fierros, xunto con Gil Sotres, é autor dun dos primeiros traballos completos sobre a capacidade produtiva dos solos de Galiza; e xunto coa profesora tamén da USC, Ana Mª Castelao Gegunde, é coautor dun interesante traballo recollido no libro Os solos da Terra Chá: Tipo, xénese e aproveitamento”, di o SLG.

Fan tamén varias consideracións sobre os impactos ambientais da solicitude de explotación mineira da empresa Erimsa na Terra Chá. Afirman que os diferentes polígonos declarados como futura explotación mineira afectan fundamentalmente aos solos definidos pola súa aptitude agronómica, ademais de que a reposición do solo orixinal, que contemplan os plans de restauración da zona, non supón unha volta ás condicións orixinais polas varoas razóns.

“No que atinxe aos impactos e afeccións que tal actividade ocasionaría sobre o dominio público hidráulico da zona, cunha clara incidencia na calidade das augas, son preocupantes. Neste sentido, resultan altamente significativas as consideracións recollidas nos informes emitidos ao respecto por Manuel Álvarez Enjo, profesor asociado de Enxeñería Hidráulica da USC, e por don Juan Ramón Vidal Romaní, doutor en Xeoloxía e catedrático de Xeoloxía da Universidade de A Coruña”, engaden.

Dende o Sindicato Labrego Galego, afirman que “os premios recibidos por Erimsa por unha actividade extractiva que ten de todo menos sostibilidade, non sirvan de escusa para que a Xunta autorice levalas a cabo a pesares do rexeitamento xeneralizado que suscita e da súa manifesta imcompatibilidade coas actividades agrogandeiras e o equilibrio medioambiental”.