Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Agromuralla pide aos concellos que rebaixen a presión fiscal ás explotacións

Por 7 Decembro, 2019Sin comentarios

Agromuralla pide aos concellos que apliquen “unha tributación municipal que favoreza o mantemento da actividade agrogandeira e incentive a ampliación e mellora das explotacións existentes”.

A asociación de gandeiros e gandeiras presentou unha solicitude formal en todos os concellos das provincias de Lugo e da Coruña onde ten asociados para que as corporacións municipais destes municipios acorden unha rebaixa na tributación dos inmobles de natureza rústica e das explotacións agrogandeiras e construcións vinculadas a elas que permita “aliviar a carga fiscal que soportan as granxas e favorecer a súa viabilidade e competitividade pola vía da redución dos custos de produción”.

A entidade que preside Roberto López lembra que o coñecido como “catastrazo”, a actualización dos valores catastrais levados a cabo no ano 2013, “incrementou de xeito considerable os impostos municipais que as explotacións gandeiras pagan a través do IBI”. Por iso, reclama Agromuralla, “é necesario que os Concellos arbitren as medidas necesarias para aminorar esta presión fiscal”.

A asociación, que está a manter xuntanzas cos alcaldes e alcaldesas saídos das eleccións municipais deste ano, en cuxos concellos non se tomaron medidas con anterioridade, para abordar con eles este asunto, reclama dos Concellos unha modificación nas ordenanzas fiscais municipais para rebaixar o tipo impositivo das fincas rústicas ao mínimo legal permitido (0,30%) e a aprobación da bonificación máxima permitida legalmente (95%) no Imposto de Bens Inmobles para as edificacións de uso agrogandeiro.

Do mesmo xeito, Agromuralla pide que se bonifiquen as licenzas de obra destinadas á construción, ampliación ou mellora de explotacións agrogandeiras. “Cando unha granxa se moderniza é unha sinal de continuidade e de mantemento da actividade que repercute no territorio xerando actividade económica e postos de traballo”, argumenta Roberto López.

Unificar criterios a través da Fegamp

Agromuralla explica que non existe “uniformidade” na presión fiscal que soportan as granxas e que os impostos municipais que pagan “varían moito” en función do concello no que estean asentadas, o que provoca “agravios comparativos claros”. “En función do municipio no que se atopen, dúas explotacións de similares características poden chegar a pagar o dobre unha da outra, en función de se o Concello aplica ou non rebaixas e bonificacións no IBI”, explica Roberto López.

Agromuralla considera que “é unha situación que non ten ningún sentido”, polo que pide “que a través da Fegamp se fixen uns criterios homoxéneos que sexan aplicados por todos os Concellos para evitar esta notable disparidade tributaria”.

Disparidade notable entre Concellos

Na provincia de Lugo, por exemplo, son xa varios os Concellos (como é o caso de Friol, Ribadeo, Lugo, A Pontenova, Barreiros, Trabada, A Pobra do Brollón ou Riotorto) que teñen xa aprobadas bonificacións e rebaixas no IBI para as explotacións agrogandeiras, unhas exencións que varían entre o 40 e o 95% en función de cada caso e outros Concellos mostráronse dispostos nas xuntanzas mantidas con Agromuralla a estudar distintas alternativas para rebaixar a presión fiscal ás explotacións.

Tamén hai disparidade no tipo impositivo fixado, que vai desde o 0,30% de Abadín ou Lugo ao 0,48% de Sober, o 0,50% da Pobra do Brollón ou o 0,80% de Meira. Na maioría dos casos a tributación das fincas rústicas está fixada no 0.60% (Palas de Rei, A Pastoriza, Foz, Friol, Láncara, Begonte, Barreiros, Trabada) ou no 0,65% (Riotorto, A Pontenova).

O “catastrazo” cuadriplicou as cuotas

Como exemplo desta “desigualdade impositiva”, Agromuralla aporta tres exemplos reais do IBI pagado neste ano 2019 por tres explotacións leiteiras en activo en tres concellos difrentes da provincia de Lugo. No Concello de Guntín, onde non hai bonificación, unha explotación pagou este ano por un establo e unha palleira 807 euros, o que supón “un importante custo de produción engadido”. Outra explotación do concello da Pastoriza, onde tampouco hai bonificación, pagou 556 euros por 18 parcelas rústicas. Antes do catastrazo esa mesma explotación pagaba 121 euros, polo que o recibo se multiplicou por catro como consecuencia da revisión catrastral do ano 2013, igual que aconteceu na maioría de Concellos.

Tamén se cuadriplicou o recibo, por exemplo, no Concello de Barreiros, que sen embargo aprobou unha bonificación do 95% para mitigar a suba. Deste xeito, unha explotación que antes do catrastrazo pagaba 60 euros e viu como a cuota subía até os 217 euros como consecuencia da revisión catastral, paga agora só 11 euros como consecuencia da entrada en vigor da bonificación municipal.

Información aos veciños e veciñas para que se acollan ás bonificacións

O proceso para aplicar o desconto no recibo do IBI ás explotacións comeza coa aprobación e exposición pública da modificación da ordenanza fiscal correspondente. Unha vez en vigor, os gandeiros teñen que solicitar individualmente que se lles apliquen esas bonificacións.

En moitos casos, aínda que os Concellos teñen modificado xa a súa ordenanza, non está sendo aplicada por falta de información. Por iso Agromuralla solicita aos Concellos que unha vez efectúen os cambios na ordenanza estes sexan comunicados ao conxunto dos veciños e veciñas e en especial ás explotacións gandeiras para que deste xeito poidan verse beneficiadas polos descontos no recibo do IBI.

“Unha vez levadas a cabo as modificacións que propoñemos, debe ser cumpridamente informada a veciñanza dos Concellos para que os gandeiros, así como  os veciños e veciñas no seu conxunto, poidan exercitar os seus dereitos e acollerse a estas reduccións e bonificacións”, argumenta Roberto López no escrito presentado nos Concellos das provincias de Lugo e da Coruña onde Agromuralla conta con gandeiros socios.

As explotacións, fundamentais para xerar actividade económica no rural

En base á Lei de Facendas Locais, as explotacións agrogandeiras teñen que solicitar o recoñecemento da súa actividade como de especial interese municipal e unha vez que o Pleno da corporación municipal outorga este recoñecemento, é cando se aplica a bonificación no recibo do IBI correspondente.

Finalmente, Agromuralla considera que reducir a presión fiscal que soportan as explotacións gandeiras repercute tamén noutros sectores, pois o sector primario é fundamental tamén para fomentar o asentamento de poboación e novos negocios no eido rural. “Nos últimos anos os gandeiros vimos incrementada a presión fiscal sobre as nosas granxas, sen que se producira unha suba parella no prezo de venda do noso leite, co cal, xunto con outros factores, fai que se incrementen os custes de produción diminuindo a viabilidade económica das explotacións e tornándose máis difícil a permanencia na actividade, cuxo mantemento é fundamental para asentar poboación e xerar actividade económica de todo tipo nos concellos rurais”, conclúe a asociación no escrito remitido aos alcaldes.