Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Agromuralla demanda prezos xustos do leite e paliar os danos da fauna salvaxe

Por 12 Decembro, 2019Sin comentarios

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, nacida tralas tractoradas de finais do 2015, celebrou a súa Asemblea Xeral reclamando das distintas Administración públicas “medidas efectivas para garantir a pervivencia e o futuro do sector productor de leite en Galicia”.

Xurdida da unión dos produtores de leite que rodearon a muralla de Lugo cos seus tractores nos meses de setembro e decembro de 2015 para protestar pola situación que atravesaba o sector, Agromuralla está integrada neste momento por 400 socios e conta con representación nas principais comarcas e concellos produtores de leite de Galicia.

A entidade, presidida por Roberto López, está formada exclusivamente por gandeiros e gandeiras e caracterízase desde a súa creación hai catro anos pola súa “absoluta independencia á hora de velar polos intereses dos gandeiros e gandeiras galegos”.

A Asemblea Xeral de Agromuralla serviu para facer un balance “realista” por parte dos gandeiros e gandeiras da situación na que se atopa o sector produtor de leite en Galicia neste momento.

“En termos xerais, a opinión dos gandeiros  é que o panorama está algo mellor que en 2015, aínda que non se deu unha solución definitiva aos distintos problemas que motivaron as tractoradas dese ano e os cambios lexislativos que se produciron desde entón foron moi insuficientes para protexer ao sector”, explica Roberto López.

“Desprotección” dos gandeiros fronte á industria e a distribución

A liberalización do sector tralo fin das cotas lácteas na UE está a provocar que os gandeiros galegos teñan que competir nun mercado globalizado, o que provoca oscilacións cíclicas de prezos á baixa e “desprotección dos produtores fronte aos mercados, dominados pola industria e a distribución”.

“Aínda que neste momento os prezos en orixe están uns 5 céntimos por enriba do que se cobraba a finais do 2015, no momento das tractoradas pola última crise de prezos, a suba dos custos de produción desde entón, coa escalada de prezos do gasóleo ou da enerxía eléctrica e o incremento de custos dos cereais ou de impostos como o IBI tralo catastrazo, fai que as marxes das granxas sexan moi escasas”, asegura o presidente de Agromuralla.

Roberto López reclamou “cambios” nunha lexislación que “non garante a igualdade de condicións” nas relacións entre os gandeiros e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca, dixo, un “reparto desigual” da cadea de valor que “prexudica claramente” aos gandeiros e gandeiras. “No eido dos contratos algo se mellorou, pero aínda continúa inclinada a balanza en favor dos intereses das industrias”, asegurou.

Os prezos en Galicia, á cola de toda España

Segundo os datos oficiais do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), os prezos que os gandeiros cobran en Galicia polo seu leite volveron ser no mes de setembro, os últimos publicados, os máis baixos de toda España.

“Na nosa comunidade é na que menos pagan as industrias polo leite, un céntimo por debaixo da media estatal, pero con diferenzas significativas como os tres céntimos menos con respecto ao que cobran de media os produtores de leite en Asturias, por exemplo”, denunciou.

As escasas marxes coas que traballan os gandeiros galegos “non permiten facer fronte aos importantes investimentos que se están a facer na modernización das explotacións para garantir a súa viabilidade”, considera Agromuralla, que reclama “solucións a problemas endémicos do rural galego como a escaseza de base territorial das explotacións, de maneira que as gandeirías poidan reducir os seus custos de produción a base de ampliar a súa superficie agraria útil”.

Danos provocados polo xabarín e incertidume cos puríns

Un dos problemas “acuciantes” aos que se enfronta o sector no relativo á produción de forraxes son os “importantes danos” provocados pola fauna salvaxe, como poden ser os “destrozos millonarios” dos xabaríns nos cultivos ou os ataques dos lobos ao gando en extensivo e que comprometen tamén a viabilidade de moitas explotacións.

A isto engádese un problema de relevo xeracional e de falta de persoal en moitas granxas e a incertidumes ás que se enfrontan as explotacións como poden ser as novas esixencias medioambientais no uso do purín.

“Temos a sensación de que se nos culpa inxustamente por parte dos sectores máis urbáns da poboación do cambio climático cando temos unha parte de responsabilidade moi pequena niso e de que se nos quere cargar coa obriga da redución de gases de efecto invernadoiro cando desde logo non é a gandería o sector que máis contamina, ao contrario, contribuimos a coidar o medio ambiente e a secuestrar CO2”, argumentou Roberto López.

Visibilización do sector e concienciación da poboación

Nos seus catro anos de vida, Agromuralla contribuíu á visibilización do sector produtor de leite, “fundamental para o asentamento de poboación, a creación de postos de traballo e a xeración de riqueza en Galicia” e á “concienciación da poboación sobre os problemas que afectan ao rural galego”.

Neste tempo tamén serviu para “unir” aos gandeiros e gandeiras, fomentando a solidariedade entre eles, como aconteceu tralo episodio dos incendios do outono do 2017, cando Agromuralla organizou o envío de 50 camións con rolos de herba e silo para os gandeiros afectados polo lume en zonas como Os Ancares para que puideran pasar o inverno e non tiveran que vender o gando.

Agromuralla está a participar tamén neste momento na Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, un foro de debate convocado pola Xunta e no que participan as distintas entidades representativas do sector que está a celebrar xuntanzas periódicas, as últimas o 13 de setembro e o pasado día 6 de novembro, para achegar conclusións en relación á situación actual do sector e propostas para acometer melloras e cambios necesarios.