Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Xunta firma convenios para a recuperación das razas autóctonas

Por 24 Decembro, 2019Sin comentarios

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun total de seis convenios con outras tantas entidades e asociacións de criadores de razas autóctonas gandeiras de Galicia que suporán un investimento por parte da Consellería do Medio Rural de 2.976.000 euros ata o 2022. O obxecto destes acordos é apoiar as actividades que realizan estes colectivos a prol da recuperación, conservación e fomento das razas.

En concreto, autorízase á Consellería do Medio Rural a asinar un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), cunha achega por parte do Goberno galego de 225.000 euros, para continuar coa execución de actividades de conservación dos recursos zooxenéticos autóctonos das razas ovella galega, cabra galega e porco celta.

O segundo acordo establecerase coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), cunha dotación de 1,2 millóns de euros, para a conservación, desenvolvemento e utilización sostible dos recursos zooxenéticos das razas e dos seus produtos derivados, fomentando o uso comercial destes como elemento clave para a súa conservación. Neste caso as razas amparadas son as bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción (limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa), así como a ovella galega, a cabra galega a galiña de Mos.

Un terceiro convenio asinarase coa Asociación Nacional de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga) para impulsar o programa de consolidación e diversificación desta raza, cunha achega da Consellería de 570.000 euros. Outro acordo subscribirase coa Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel) por importe de 480.000 euros, para financiar actividades de recuperación, conservación e fomento desta raza porcina.

Por último, en relación co cabalo de pura raza galego, asinaranse dous convenios. Un deles coa asociación de criadores, por valor de 246.000 euros e outro coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego, por importe doutros 189.000 euros. No primeiro caso, a finalidade do convenio é a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos da raza. No segundo, financiaranse actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes da raza en actividades deportivas, de exposición e ocio.

Riqueza xenética
Con todos estes convenios ponse de manifesto que a Xunta valora estas razas por representar unha riqueza xenética, un patrimonio inmaterial e unha oportunidade para as novas gandarías extensivas e de produción ecolóxica, ao seren razas cunha enorme adaptación ás condicións climáticas de Galicia. Todos estes convenios están cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Como complemento a estas actuacións, a Xunta habilita cada ano, dentro das achegas da PAC, axudas para os titulares das explotacións que traballan coas razas autóctonas en perigo de extinción e que supoñen un esforzo orzamentario de 1,4 millóns de euros anuais.

Ademais, achéganse dende Medio Rural fondos para o fomento das razas, máis especificamente para a creación ou mantemento de libros xenealóxicos ou do programa de mellora oficialmente recoñecido de cada raza. Son 200.000 euros anuais destinados ás organizacións ou asociacións de criadores recoñecidas pola comunidade autónoma. A convocatoria destas subvencións para 2020 vén de saír publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia.