Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Xunta convocará en breve as axudas para a mellora das explotacións

Por 26 Decembro, 2019Sin comentarios

A Xunta abrirá nos próximos días o prazo para as axudas para fomentar a mellora das explotacións e a incorporación de mozos ao agro.

O Consello da Xunta avaliou  estas achegas, que se estruturan en tres liñas. En primeiro lugar, convocaranse as axudas para os chamados plans de mellora das explotacións, que contarán cun orzamento de 24 millóns de euros. Están orientadas á mellora do rendemento global das explotacións, así como da súa competitividade e viabilidade.

En segundo lugar, as subvencións para fomentar a remuda xeracional no agro terán un importe de 14 millóns de euros e outorgaranse aos novos agricultores e gandeiros (que non teñan cumpridos os 41 anos de idade) e que se establezan por primeira vez nunha explotación agraria, mediante a súa creación ou incorporándose a unha existente, debendo permanecer na actividade durante un mínimo de cinco anos.

Por último, as axudas destinadas ás pequenas explotacións estarán dotadas con 3 millóns de euros. Consisten nunha prima única de 15.000 euros que terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 18 meses.

Os obxectivos fundamentais destas subvencións pasan por mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e por avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e dun correcto equilibrio dos factores de produción para elas. Tamén, por fomentar o rexuvenecemento da poboación activa agraria impulsando a remuda xeracional que contribúa á mellora da competitividade, o fomento do emprego no sector agrario e na actividade da explotación, con especial consideración cara as mulleres, a contribución ao mantemento da poboación no medio rural e a evitar o abandono das explotacións mellorando a súa dimensión.

Estas axudas teñen unha gran repercusión no medio rural, e non soamente para os beneficiarios, incrementando o número de mozos que se incorporan a actividade agraria, rexuvenecendo a poboación activa agraria e evitando o despoboamento do medio rural.

Por outra parte, a mellora das explotacións implica un gran número de axentes que participan neste labor, tales como as oficinas técnicas que elaboran os proxectos, os colexios oficiais que os visan, os concellos que conceden as licenzas de obra e as pequenas pemes de todas Galicia encargadas de realizar as obras contidas nos proxectos. Polo tanto, prodúcese un efecto multiplicador destas axudas, que dinamizan de maneira moi importante o noso medio rural.