Enquisa Mobilidade

Despedida e peche

Por Lara Real Lema

Chegamos señores e señoras, ao término da nosa programación de hoxe, día tal de tal. Estaremos de novo con vostedes ás equis horas coa carta de axuste. Hasta ese momento, despedímonos desexándolles unhas moi boas noites. Cando en España só existían unha ou dúas canles de televisión, as emisións interrompíanse durante o horario nocturno esta era a mensaxe que se repetía todas as noites. Cando consultábamos a programación televisiva, a última liña a ocupaba ese breve espazo “despedida e peche” que precedía ao himno nacional.

Despedida e peche é parte da memoria colectiva de moitos de nós, un clásico. ¿Pode haber mellor título para esta última colaboración? Si, última. Co fin de ano chega tamén o remate dunha etapa profesional na miña vida. Unha etapa estupenda na que aprendín moito, moitísimo, tanto de min mesma a todos os niveis como de todas aquelas persoas que pasaron pola miña consulta.

Deixo atrás unha etapa con algún fracaso e moitos éxitos. ¿Por qué? Porque sempre pensei que a vida son ciclos, etapas que vamos pechando para deixar paso a outras novas. Nalgúns casos estes ciclos vanse sucedendo de forma case imperceptible, cambiamos o colexio polo instituto, o instituto pola universidade, ou polo traballo. Cambiamos de casa, de coche, de cidade, mudamos de parella, de amigos, de traballo…. Xa o dicía Heráclito, todo flúe, nada permanece. Lembro o análise de esa frase na clase de filosofía de COU fai moitos anos, a idea de que nunca te poderías bañar dúas veces no mesmo río porque a segunda vez nin ti nin as augas do río serían as mesmas sempre me resultou curiosa e certa, aínda que tardara en entendela de todo.

Cambio porque o preciso, porque sinto que é o momento e porque coido que as oportunidades hai que saír a buscalas e aínda que sei que a incerteza é unha sensación complexa ten ao seu favor que todo está por ver, por facer e por vivir. E non podo negar que tomar esta decisión fai que sinta ao mesmo tempo medo e emoción porque todo o novo dame un pouco de vertixe pero ningún mar en calma fixo experto a un mariñeiro.

Quero aproveitar estas liñas para agradecer de verdade e de corazón, a todas esas persoas que confiaron en min e que me deixaron entrar nas súas vidas para tentar facelas un pouquiño máis doadas e felices.

Gracias en especial aos nenos e nenas que me permitiron entrar nos seus mundos, que compartiron os seus medos que nalgúns casos ata conseguimos superar xuntos ou polo menos facelos máis pequeniños. Gracias a eses adolescentes que pese a estar nunha etapa complicada da súa vida fixéronme partícipe de parte das súas vivencias e dos seus soños. Gracias polos debuxos, polas figuriñas de plastilina, polos abrazos. Gracias por lerme e por servirme de inspiración en moitos casos.

En realidade isto tampouco é unha despedida, é un ata logo, o mundo é pequeno e ao final acabaremos atopándonos. En fin, me quedan moitas cousas por dicir pero se me acaba o espazo e non quero pasarme de dramática.

En definitiva, gracias por todo.

Etiquetas