Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Outro de tantos

Por 26 Decembro, 2019Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Por Moncho Paz

Unha das cousas que máis impactaron a Mario Xosé cando saíu de Cuba foi o alto grao de violencia que se instalara na sociedade, totalmente crispada polos excesos cometidos por Machado durante o seu segundo mandato, entre eles as acusacións, denuncias anónimas e informes falsos, como o que provocara o seu despedimento do pazo presidencial. De volta en Vilalba, soubo pola prensa do acontecido co xefe corrupto da Policía cubana, segundo a información publicada nas páxinas de ABC o 22 de agosto de 1933: “Un grupo de estudiantes, según se dice, después del entierro del jefe de la Policía de Machado, don Antonio Anciarte, que se suicidó, ha desenterrado el cadáver y lo ha llevado a la Universidad, colocándolo fuera del edificio, sobre la escalinata que da a la calle, dejándolo así expuesto al público. Cuando unas cien personas presenciaban todas estas maniobras le colocaron en los labios un trozo de cigarro puro. Luego, la muchedumbre se apoderó del cadáver y lo colgó de una columna de tranvías, pero la cuerda se rompió y cayó al suelo. Finalmente intentaron quemarlo, pero no lo consiguieron. Por último, intervino la Policía y consiguió llevarse los restos al depósito, donde quedaron custodiados por un retén extraordinario de fuerzas para impedir más desmanes. Más tarde los restos fueron de nuevo enterrados” (informe da axencia United Press).

O ambiente que se vivía na illa fixo que o regreso a Vilalba fora para Mario como un bálsamo de aire fresco. Agora tocaba descansar e formar unha familia con María, pois a vida pasaba e xa non eran precisamente uns rapaces; el contaba trinta e seis anos de idade e a súa namorada trinta e catro. Casaron e abriron un ultramarinos na rúa Xardíns, ao que denominaron “Coloniales Mario Paz”, onde comercializaban café, azucre, cacao, especias, bacallau e outros produtos de importación, preferentemente de orixe cubana. Tamén tiñan viños e licores. Instalaron un gran mostrador de mármore branco, que lle confería ao local unha imaxe moderna, entre almacén e tenda tradicional. Ademais da xente de Vilalba e da bisbarra chairega, tiñan clientes procedentes doutros puntos da provincia, como Muras, Mondoñedo, Viveiro ou Ribadeo. O primeiro fillo, ao que chamaron Mario, naceu o 4 de setembro de 1935. Mario Xosé e María pospuxeron entón a idea de volver a Cuba, a pesar dos ánimos manifestados pola familia Yáñez Paz para que se estableceran na Habana, onde as cousas estaban agora máis calmas.

En Vilalba e outras localidades a tranquilidade truncouse de súpeto polo golpe de Estado de Franco do 18 de xullo de 1936 contra o goberno democrático da Segunda República, dando lugar á guerra civil. Nese intre, as vendas do ultramarinos ían ben, pero co conflito armado chegou tamén o tempo dos oportunistas, daqueles que aproveitaron a espiral de xenreira para crear un  ambiente irrespirable, especialmente coas persoas que amosaran algunha simpatía republicana. Houbo sectores, como o ensino, que foron sometidos a un duro proceso de depuración, argumentando que era necesaria unha revisión do maxisterio público para extirpar as supostas falsas doutrinas arraigadas durante o período republicano (relativismo, laicismo, etc.). Os libros foron substituídos nas aulas por símbolos relixiosos.

O meu avó Mario Xosé regresara de Cuba cunha maleta chea de libros, a maioría de tendencia progresista e ilustrada. Ávido lector e gran conversador, non tiña militancia política, aínda que simpatizaba coa Unión Republicana, na que se fusionara o Partido Republicano Radical Socialista, presidido en Vilalba por Xesús M. Álvarez Martín-Taladrid e representado en Lugo polo médico Plácido Orosa Peña, bo amigo da nosa familia, que lideraba o Comité Executivo provincial. Era unha organización de tendencia socialdemócrata, que defendía un liberalismo social de raíces xacobinas e contaba entre os seus afiliados cunha elevada proporción de membros da masonería.

Mario Xosé non soportaba ver o paso dos convois que transportaban aos republicanos detidos en distintas localidades e que se dirixían con destino ao cárcere de Lugo. Unha das escenas que máis o afectou foi o día no que recoñeceu, nun dos camións que atravesaban a vila, ao mestre de Ribadeo Gregorio Sanz, que era un dos seus clientes habituais. Non puido evitar saudalo coa man, desexándolle sorte, e alguén da vila percibiu aquel xesto de amizade. Un veciño denunciouno. O feito de ser un home viaxado e aberto a outras ideas fixo que inmediatamente fose etiquetado como sospeitoso e trasladado ás dependencias municipais, de onde puido saír antes de ser “paseado” grazas a unha intervención de última hora do tenente coronel Pena, comandante militar da praza e alcalde provisorio, a quen foi visitar con urxencia a miña avoa María, en avanzado estado de xestación, ante os rumores de traslado que circulaban polo pobo. Algo parecido aconteceulle a Plácido, a quen abriron un expediente e foi sancionado por responsabilidades civís e políticas. Salvaron a vida de milagre, pero quedaron sinalados polo novo réxime como partidarios da República. Poucos días despois de ser liberado, chegaba a este mundo convulso o seu segundo fillo, Cándido, nado na mañá do 25 de novembro de 1936.