Bonos consumo Vilalba

Convocan unha folga de 24 horas o día 14 nas Pontes

Traballadores de Endesa e das empresas auxiliares celebrarán unha nova xornada de folga convocada para o día 14 de xaneiro, tal e como se acordou por unanimidade nunha asemblea celebrada nas Pontes. O paro previsto será de 24 horas e ten tres obxectivos. Por unha parte critiar a actitude de Endesa solicitando o peche formal da térmica previo ás probas que se farán con biocombustibles, o incumprimento da garantía de emprego para os traballadores e a esixencia de que se constitúa a mesa de traballo co Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta, a eléctrica e o Concello para falar do futuro das Pontes.

Na asemblea de traballadores acordouse tamén que se retomarán as concentracións dos mércores, que se pararon
agora en Nadal. Serán na rotonda da Vilabella, como ata o de agora, en horario de 14.30 a 15.30 horas.

Os sindicatos defenden que hai que seguir mobilizándose para visibilizar a situación e esixir compromisos e sinalan que o emprego xa se está resentindo nas empresas auxiliares. Estes días, seis traballadores dunha compañía auxiliar encargados de diversos traballos na terminal de carbón que Endesa ten no porto exterior de Caneliñas, onde chega o mineral importado en barco, foron despedidos e outros catro empregados que realizan o seu labor na central térmica  xa foron avisados que se lles rescindirá o seu contrato.

Os camioneiros, pola súa banda, xa anunciaron que  hoxe volverán encerrarse no consistorio pontés para reiniciar as protestas.

Desde os distintos partidos políticos seguen esixindo, tamén, que se poña en marcha a mesa de traballo para buscar alternativas para reactivar a planta e conseguir plans de reindustrialización e, mentres as probas con biocombustibles aínda non teñen unha data pechada, desde Endesa xa fixan o período de peche da planta pontesa en 18 meses.

Etiquetas