Enquisa Mobilidade

Forget La France dende a Terra Chá

A Chaira conta cun elenco de músicos moi amplo, que ao longo dos anos e nos diferentes estilos, tiveron e teñen maior ou menor,  éxito. Un dos grupos afortunados é Forget La France, que representa un anaco dos diferentes concellos da Terra Chá.

Os seus compoñentes, Tamara e Climan son de San Lourenzo de Aguiar, en Outeiro de Rei. Charly pertence a San Martín de Guillar, e o baixista, Alfonso, vive en San Xulián de Mos. Tamén colaboran co grupo Vanesa, que é de Vilalba, e Fran, de Ferrol.

Charly e Climan xa tocaban xuntos noutro grupo e foron os primeiros en xuntarse, despois chegou Tamara que foi a que trouxo a Alfonso e nos comezos tamén contaban con Jairo Varela.

O nome de Forget La France foi unha argallada de Climan, xa que tiñan algún evento contratado pero aínda non escolleran ningún nome, así que nunha tarde tiñan que pensalo. Así xurdiu Forget la France, un nome que a todos lles pareceu curioso. Ben traducido ao inglés e ao francés de “esquécete de Francia” que era unha expresión que tiñan oído para indicar que non se está conforme con algo. Así naceu e se formou a banda musical Forget la France.

Este grupo xúntase para ensaiar na casa de Climan ou na casa de Alfonso, todo depende de se fan un ensaio xeral ou non. Xa que como se levan ben e o tempo é limitado para todos por mor dos traballos, organízanse de maneira moi axeitada.

A súa música está a pasar por unha bonita etapa de cambio, máis orientada cara ao rock rítmico e buscando sempre ser recoñecidos por un estilo propio e innovador.

No seu primeiro disco mesturaron unha parte de pop melódico con algún tema un pouco máis rápido ou rítmico, pero están todos de acordo en que neste segundo traballo vai cambiar ben o conto e dirixiranse cara un estilo máis cañeiro e movido. Déronse conta que nos directos a xente ao tempo de agradecer algún tema máis lento do que máis desfruta é dos “temas con caña”.

As influenzas que segue a banda chairega son ben variadas. Desde Leiva, Sidecars e Quique González, pasando por Fuga, Nirvana, ou Dover… e algún outro que seguro que esquecen contar.

Xa contaban dende o Nadal pasado cun álbum composto de 7 temas, pero gravar e editar o disco foi sen dúbida un proceso novo e moi emocionante para eles, xa que nunca ninguén tivera contacto algún cun estudo de gravación.

Como non tiñan moita idea do tema decidiron buscar un profesional e contactaron con Jahel Piñeiro, de 8estudios, onde crearon o seu primeiro traballo.

O proceso de elaboración foi longo pero moi reconfortante e por iso que foi un bo resultado. A eles encantaoulles e no público tivo tamén unha gran acollida. Por iso leva preto de 500 copias vendidas e están achegándose aos 65 concertos en ano e medio de traxectoria.

Contan con facer unha xira por fóra de Galicia este verán e están a traballar  para compaxinar todos os eventos.

Polo de agora case todo o seu público foi lucense, por proximidade obviamente, pero nas ocasións que visitaron outras cidades, quedaron abraiados do gran agarimo do público e das boas críticas que recibiron, o que os anima moito a pensar nunha xira fóra das fronteiras galegas. Madrid, León, Valladolid, Palencia…son algúns dos seus lugares elexidos para este verán.

Ademais, para este ano xa teñen dous grandes proxectos en mente que comezarán co lanzamenento do videoclip do seu single Outside. Neste senso, decidiron sacalo en solitario xa que rompe totalmente co estilo empregado ata agora, pero tiñan ganas de probar con este novo xénero e invitan a todo mundo a estar atento ás redes onde publicarán en breve a data e o lugar da presentación do single.

O segundo proxecto é o seu segundo disco, que contará con 12 temas que xa teñen escollidos pero que aínda están en proceso de rematar, con arranxos e detalles finais. Contan con traballar durante toda a primavera e verán e presentalo á volta das vacacións de verán, para cando chegue o mes de setembro poder desfrutar de boa música.

Etiquetas