Skip to main content
Actualidade

A Deputación valora positivamente o seu paso por Fitur

Por 27 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé, e a deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, mantiveron unha intensa axenda de reunións e actividades ao longo das tres xornadas ás que asistiron da Feira Internacional de Turismo (Fitur) con tres obxectivos fundamentais: a promoción da provincia a través da innovación dixital coa presentación de dúas novas apps móbiles, o establecemento de contactos con profesionais do sector para acadar maior visibilidade e a detección de tendencias dos viaxeiros e novas oportunidades.

De feito, tal e como avanzou García Porto, a Deputación está xa estudando como mellorar a eficacia da promoción turística da provincia en Fitur 2021. “Foron tres xornadas moi positivas de intenso traballo no escaparate de turismo máis importante do mundo, en base ás que xa estamos a preparar a promoción de cara ao ano que vén”, subliñou a Deputada.

Este venres, José Tomé e Pilar García Porto participaron nas presentacións institucionais da Semana Santa de Galicia e na da comunidade autónoma, ademais de continuar con reunións profesionais e contactos con outros participantes.

Así mesmo, o presidente da Deputación tivo ocasión de saudar en Fitur ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a quen felicitou pola súa investidura e co que mantivo un intercambio de opinións sobre a situación e os retos fundamentais da provincia, no que quedou claro o compromiso do novo Executivo central co seu impulso.