Enquisa Mobilidade

Os GDR da provincia presentan o seu balance anual

A Consellería do Medio Rural achegou nos dous últimos anos 9,7 millóns de euros en axudas xestionadas polos seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da provincia de Lugo. Con este investimento apoiaron 139 proxectos que permitiron a consolidación de máis de 502 postos de traballo e a creación de 114 novos empregos no rural lucense.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance da actividade dos GDR nas dúas últimas convocatorias (2018-2019 e 2019-2020), e lembrou que o pasado venres rematou o prazo de presentación de solicitudes para as iniciativas a desenvolver no período 2020-2021. Estivo acompañado polos presidentes de cinco dos GDR: Vidal Martínez Sierra (A Mariña), José Ángel Santos (Lugo), José Fernández (Vales e Montes Orientais), José Manuel Arias (Ribeira Sacra), e Ramiro Moure (Miño-Ulla). Xunto co GDR da Terra Chá abarcan a totalidade do territorio da provincia.

Balseiro destacou o papel das axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e dos GDR -os xestores da medida Leader nos distintos territorios- porque “serven de osíxeno para o noso país, de pulo para os que apostan polo rural como un lugar de oportunidades”.

“Son unha das mellores armas que temos para apoiar aos que apostan por investir, innovar e cooperar, por traballar polo agro galego”, engadiu. Neste sentido, explicou que os proxectos beneficiados suman un investimento mobilizado próximo aos 20 millóns de euros. Poden ser iniciativas empresariais ou ben medidas sen ánimo de lucro impulsadas por administracións e outras entidades en beneficio da comunidade. “Todas teñen en común que están dirixidas á mellora da contorna rural”, afirmou o delegado.

Entre os proxectos desenvoltos neste bienio figuran obras de recuperación e rehabilitación do patrimonio, iniciativas para a posta en marcha de novos recursos turísticos, para a creación ou mellora de áreas recreativas e sendeiros, ou proxectos empresariais que teñen que ver con eidos de especial interese na nosa provincia, como o agrícola e forestal, os servizos sociais, ou a acción cultural e turística.

Etiquetas