A lactancia materna

Por Marta P. Fandiño

A elección sobre o tipo de alimentación que levará cada bebé é unha decisión complexa, polo que a valoración dos pros e dos contras con suficiente información, resulta indispensable para tomar a opción máis adoitada e favorecer a tranquilidade principalmente materna, tras unha elección ou outra.

Nunha conversa sobre a lactación moi probablemente varios dos presentes, defendan sen lugar a dúbida que a lactancia materna ten máis beneficios que a artificial, é dicir a alimentación con biberón. Por suposto sería un comentario moi acertado, pero realmente coñécense todas as vantaxes que dita alimentación ten para o bebé e para a nai?, que madres poden e non poden facer fronte a lactación materna tendo que optar pola artificial?

A primeira premisa dos beneficios da lactancia materna é que a OMS a define como a forma ideal de aportar ós pequenos os nutrientes necesarios para un crecemento e desenvolvemento saudables, sendo a forma máis eficaz de asegurar a saúde e supervivencia dos nenos. Ademais, dita organización fai fincapé en que todas as mulleres poden amamantar, sempre e cando dispoñan de boa información e apoio da súa familia e do sistema de atención de saúde.

A continuación pódese ver unha pequena mostra das vantaxes que este tipo de alimentación ten para bebé e a nai como evitar infeccións e enfermidades no bebé, así como mellora o seu desenvolvemento psicomotor e intelectual.

Evita déficits nutricionais no pequeno. Aforra cartos e evita perder tempo no supermercado, reduce o risco de padecer obesidade, sobrepeso, colesterol, asma, diabetes de tipo II… na etapa adolescente e adulta. Mellora o vínculo nai-fillo reduce as posibilidades de depresión postparto, favorece a perda de peso corporal da nai e axuda na redución do sangrado, reduce o risco de osteoporose e cancro de mama e ovario.

Ademais da súa composición nutricional xeral, existe unha diferenza moi importante entre ambos tipos de leite, posto que o leite de fórmula contén sempre os mesmos nutrientes mentres que o materno adáptase ás necesidades do bebé, regulando a liberación de anticorpos, encimas, ácidos graxos, hormonas… Por tanto, non conta coas mesmas características o leite dun lactante san que dese mesmo lactante en momentos de enfermidade.

Os máximos beneficios, alcánzanse seguindo unha lactancia materna exclusiva durante os primeiros 6 meses de vida, a partir de aquí, non se acaba a recomendación desta fonte de nutrientes, se non que pasa a ser complementada (nunca substituída) polo resto de alimentos. Este consumo de leite materna e aconsellable mantelo ate polo menos os dous anos de vida; a partir desta etapa, xa depende de ambos implicados o tempo que se queira ou non prolongar.

A lactación materna non presenta ningunha contra, pero si existen algúns mitos ó redor dela que poden facer que sexa unha práctica menos habitual do desexado, como por exemplo que afecta a forma dos peitos da nai, que acostuma mal o bebé, que hai que comer dobre para producir máis leite, que o leite aportado non é suficiente, que o leite é demasiado augado para cubrir as necesidades do pequeno e un longo etcétera.

Aínda que é unha porcentaxe ínfima, existen casos no que resulta inviable aportar este tipo de alimentación ós cativos, pero que non se poda ofrecer o peito directamente a un bebé non quere dicir que a alimentación teña que ser artificial. Existe como opción retirar ó leite cun saca-leites e ofrecelo igualmente ou incluso alimentar ó bebé con leite obtida dun banco de leite materna (existe un no Hospital Clínico Universitario de Santiago).

A decisión é complicada e debe quedar claro que calquera das dúas eleccións é perfectamente válida, así pois e tras haber ofrecido a información adecuada a decisión final da nai debe ser respectada por igual.

Etiquetas