Comandante Paz, alias ‘Chavito’

Por Moncho Paz

Ramón Paz Borroto naceu no municipio cubano de Ciego de Ávila o 31 de agosto de 1924, coincidindo coa festa de San Ramón. Coñecido no seu círculo máis íntimo como ‘Chavito’, era fillo de Isidro e de Sara, que foron grandes amigos do meu avó Mario Xosé. Sendo un meniño tivo que afrontar a morte prematura do seu pai, unha circunstancia que deixou á familia nunha situación realmente complicada, e que remataría por obrigalo a abandonar os estudos cando estaba a piques de cursar o cuarto grao. Na xuventude destacou polo seu labor revolucionario e, xunto a outros compañeiros, dedicouse á axitación sindical, fundamentalmente nas provincias de Camagüey, Habana e Santiago de Cuba. Por ese motivo foi considerado personaxe histórico do municipio de Morón.

A difícil situación socioeconómica do momento formou a súa conciencia de clase e converteuse nun acérrimo inimigo dos males que azoutaban á sociedade. Sendo moi novo trasladouse primeiro a Camagüey e posteriormente á Habana, establecendo contacto cos revolucionarios que preparaban a “expedición de Cayo Confites”, un movemento militar contra Rafael Leónidas Trujillo organizado dende Cuba en 1947 coa finalidade de derrocar ao ditador dominicano. Deste xeito coñeceu a Fidel Castro Ruz e a Carlos Gutiérrez Menoyo, que formaron parte daquela fracasada aventura revolucionaria.

Ramón Paz comezou a traballar no Central Santa Marta, dedicado a produción de caña de azucre, e despois pasou ás minas de Charco Redondo, na rexión de Oriente, onde tivo serias dificultades cos donos do lugar debido ao seu carácter rebelde. Pertenceu ao sindicato de mineiros e participou activamente nas protestas contra os perigos aos que se expoñían os traballadores baixo terra, a falla de solidariedade e os baixos salarios, que apenas chegaban para subsistir.

Vencellouse ao Movemento 26 de Xullo, ás ordes de Frank Pais García, descendente de emigrantes galegos de Marín. Dentro da organización dedicouse á captación de persoas, de armas e tamén de fondos para o financiamento da loita revolucionaria. Malia a escudarse nun anteface para realizar as súas accións, foi recoñecido por unha testemuña e caeu nas mans do coronel Alberto Chaviano, un oficial do réxime de Batista coñecido pola súa especial dureza, quen o encadeou nunha cela tipo caixón e torturouno durante varios días, sen sacarlle información algunha.

Un dos seus familiares logrou que o liberasen e regresou con Frank Pais, que o destinou a Sierra Maestra en agosto de 1957, cunha pistola como agasallo para a súa protección persoal. Unha vez instalado na comandancia do Exército Rebelde en La Plata, Fidel Castro encargoulle o mando dunha escuadra. A súa primeira acción como guerrilleiro foi en Veguita, xunto ao capitán Lolo Sardinas, mais participou axiña noutras accións: Altos de Pinos Quemados, Casa de Piedras, El Pozón, El Jigüe, Naranjal, Ocujal de Turquino, Oro de Guisa, Altos de la Caridad, Palma Mocha, El Naranjo e Purialón. Unha mensaxe do comandante Che Guevara enviada ao tenente Hugo del Río dicía: “Lémbrate que Paz é o noso mellor capitán, un pouco duro ás veces, pero xusto e moi valente”.

O 25 de xullo de 1958 foi ascendido a comandante en Sierra Maestra e dous días máis tarde partiu cunha importante misión cara á zona onde se atopaba o tenente coronel Sánchez Mosquera, máximo responsable das operacións contra os revolucionarios. Alí chegou no amencer do 28 de xullo, xusto no mesmo lugar onde o comandante Camilo Cienfuegos acamparía un mes despois. Ramón Paz e outros compañeiros durmiron naquel emprazamento o seu derradeiro sono de liberdade, pois a mala sorte fixo que caeran nunha emboscada preparada polas tropas de Batista, que ocupaban o mesmo firme onde se atopaba o comandante Eddy Suñol. Tras ordenar a retirada aos seus homes, Ramón quedou para cubrilos. Viu caer a varios compañeiros, que se atopaban ao seu carón, e aos poucos minutos foi alcanzado polos disparos dunha metralladora, que o mataron ao instante na alborada do 29 de xullo de 1958. Por casualidades da vida, ese mesmo día -unha ducia de anos despois- nacería eu a esta beira do Atlántico.

Despois dos tiroteos, os revolucionarios comprobaron que os soldados batistianos sufriran numerosas baixas, e que entre os feridos estaba o propio Sánchez Mosquera, en estado grave. Ao solpor, os guerrilleiros lograron rescatar o corpo de Ramón Paz Borroto. Comunicóuselle a Fidel Castro a súa morte e cando o comandante en xefe chegou a El Salto, dispuxo a recollida de todos os seus documentos e pertenzas; entregou a pistola de Paz ao tenente Luciano Paco Gullén e díxolle: “Gárdaa até que os raparigos sexan homes”, referíndose aos fillos de Paz. Máis de trinta anos despois da morte do comandante Ramón Paz, o meu pai -a quen o avó Mario Xosé tamén chamaba agarimosamente  ‘Chavito’- contoume por riba este relato nunha tarde de outono en 1991, poucos días antes de emprender a miña primeira viaxe á illa caribeña como enviado especial de prensa. A clave para comezar esta pescuda sobre Ramón Paz Borroto era “Frente Oriental Frank Pais”, polo que tiven que desprazarme a Santiago de Cuba na procura de máis información. Unha vez alí, achegueime até o Cuartel Moncada, hoxe convertido na “Ciudad Escolar 26 de Julio”, onde existe un espazo dedicado a museo sobre os feitos relacionados coa resistencia en Sierra Maestra.

Etiquetas