Axudas a autonomos

As Pontes aproba unha bonificación do 95% nas ordenanzas fiscais para fomentar o emprego

O Pleno do Concello das Pontes aprobou, por unanimidade, a bonificación do 95% de tres ordenanzas fiscais para promover e fomentar o asentamento de iniciativas empresariais no muncipio e incentivar a creación de emprego.

Así, o Concello das Pontes aprobou a modificación da ordenanza fiscal municipal que regula o Imposto sobre bens inmobles (IBI) que establece unha bonificación do 95% do imposto nos inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias do fomento do emprego.

Tamén acordou a bonificación do 95% sobre o imposto de actividades económicas (IAE) aplicable no caso de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial así como naqueles casos que consistan na ampliación das instalaciónes e leven asociados a xeración de novos postos de trababllo.

Asemade aprobouse unha bonificación do 95% no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) aplicable a novas actividades económicas ou para a ampliación de instalacións existentes sempre e cando impliquen a creación de emprego.

A responsable de Industria, Ana Pena, resaltou que “no noso concello xa existían diversas bonificacións aprobadas encamiñadas á fomentar o asentamento de novas iniciativas industriais no noso municipio. Continuamos con esta liña de traballo para atraer novas empresas e potenciar a economía local, ampliando ditas bonificacións”

CONVENIO UNIVERSIDADE SÉNIOR

Durante a sesión plenaria tamén se aprobou o convenio de colaboración do Concello das Pontes e a Universidade Sénior e a concesión dunha suvbención nominativa de 12.200 euros para financiar as actividades desenvolvidas pola entidade educativa no municipio durante o ano 2020.

Estas actividades, dirixidas a persoas maiores de 55 anos , están orientandas ao fomento de actividades de formación científica e cultural, o encontro social e o envellecemento activo.

Etiquetas