Skip to main content
Actualidade

A Deputación aumenta un 20% a capacidade da teleasistencia domiciliaria

Por 22 Febreiro, 2020Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a adxudicación do servizo de teleasistencia domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo de maneira gratuíta a veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, con este novo contrato, que supón un investimento de 560.000€ e ten vixencia ata o 2022, aumentan nun 20% a capacidade de atención do servizo.

O número de prazas alcanza as 1.795. Deste xeito, as 1.555 prazas para persoas usuarias directas (xa contempladas no anterior contrato, de 2013) engádense agora outras 180 prazas, dirixidas a persoas que, convivindo co titular do servizo, reúnen tamén os requisitos para ser beneficiarias, e que disporán dunha unidade de control remoto adicional para o seu uso exclusivo, e outras 60 persoas beneficiarias indirectas, aquelas que convivindo coa persoa usuaria e necesitando das prestacións e atencións que este proporciona, carece de capacidade física, psíquica ou sensorial para poder utilizar por si mesma esta atención. Esta persoa usuaria indirecta non ten unidade de control remoto e debe ser dada de baixa ao mesmo tempo que a titular, salvo que pase a depender doutra persoa usuaria titular coa que tamén conviva.

A maiores, este novo prego contempla outras melloras, como son a achega de balde de 60 terminais a maiores dos 1.555 esixidos obrigatoriamente á adxudicataria; de ata 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de Teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes,  de movemento e de presencia), incluíndo a súa  instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; de ata 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitorización, que permita a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria; e de terminais que faciliten a utilización do servizo a persoas con dificultades de comunicación  verbal ou auditiva (dispositivos móbiles con software específico que permiten á persoa usuaria activar unha alerta no Centro de Atención de forma sinxela). Todas estas melloras non estaban contempladas no contrato do 2013.

Rivera subliñou que o servizo de teleasistencia é unha prestación que garante atención as 24 horas do día e os 365 días do ano a todos os maiores da provincia con dificultades na súa autonomía, favorecendo “a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias deste servizo, sobre todo dos que viven no rural”. “Grazas a esta iniciativa, os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sos, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia”, indicou.

O deputado, que xestiona na súa área este servizo, explicou así mesmo que esta prestación, xunto a outras iniciativas como o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, a rede pública de residencias de maiores ou mesmo os plans de fomento do emprego, “son parte da rede de protección social que creamos na Deputación de Lugo para contribuír á igualdade de oportunidades e suplir a deixadez de funcións da Administración que ten as competencias en materia social e laboral, a Xunta de Galicia”.