Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Agromuralla demanda á Xunta máis dotacións para as oficinas agrarias

Por 24 Febreiro, 2020Sin comentarios

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla propón “repensar” o papel das actuais oficinas agrarias comarcais e pide á Xunta de Galicia, da que dependen, “que as dote do persoal e os medios necesarios para que poidan cumprir a súa función de dar asesoramento e apoio técnico ás explotacións asentadas no medio rural galego”.

A estrutura periférica da Consellería do Medio Rural está composta por 68 oficinas comarcais repartidas por todo o territorio galego (20 na provincia da Coruña, 18 en Lugo, 15 en Pontevedra e 15 en Ourense).

Malia que tiveron a súa orixe nos anos 50-60 nas antigas Axencias de Extensión Agraria, que naceron coa finalidade de modernizar o agro a través da transferencia de coñecemento e dos avances técnicos ás explotacións a través dunha administración próxima e coñecedora de primeira man da problemática rural e produtiva, derivaron a súa función principal cara as xestións agrarias, en especial a tramitación e cobro das axudas públicas procedentes de Europa (axudas da PAC, plans de modernización, axudas vinculadas á actividade agraria).

Para Roberto López, presidente de Agromuralla, “as oficinas agrarias pouco a pouco foron perdendo a súa función orixinaria de asesoramento directo aos gandeiros para convertérense na actualidade en moitos casos en simples oficinas burocráticas de tramitación de expedientes administrativos”.

Segundo defende Agromuralla, é necesario “relanzar as oficinas agrarias como servizo público máis próximo ás explotacións para que manteñan contacto constante co sector e poidan prestar deste xeito apoio aos gandeiros”.

“A presentación telemática da documentación está provocando que cada vez o contacto dos técnicos das oficinas agrarias cos gandeiros sexa menor polo que é necesario establecer novos puntos de encontro e relación por medio de xornadas e visitas formativas que sirvan para manter ao sector produtor actualizado e ao tanto das novidades que xurdan desde o punto de vista técnico ou administrativo”, explica Roberto López, que considera que “as oficinas agrarias deben estar máis centradas na formación e na transmisión de coñecementos e avances e facer menos traballo burocrático mantendo máis o contacto cos gandeiros e coa realidade do sector para implicarse cos seus problemas e buscarlles solucións”.

A dixitalización das xestións agrarias está impactando de cheo sobre as explotacións e Agromuralla considera que as oficinas agrarias deberían servir para a formación dos gandeiros nese ámbito. “A falta de axuda por parte dos servizos públicos está obrigando a moitas explotacións a teren que recurrir a xestorías, o que supón un custo engadido para o seu funcionamento diario”, denuncia Roberto López.

Estas oficinas comarcais non sempre teñen os medios e o persoal necesario para levar a cabo o seu labor. O pasado ano evidenciouse coa falta de persoal nas oficinas agrarias de Lugo, Xinzo de Limia e Teixeiro pero a precariedade de medios é unha realidade que comparten o resto de oficinas agrarias de Galicia, onde faltan en conxunto un cento de traballadores (dos preto de 540 postos de traballo consignados na Relación de Postos de Traballo ás oficinas agrarias comarcais un 15% non están cubertos na actualidade). A maior parte das vacantes son de persoal técnico, aínda que tamén faltan veterinarios e persoal administrativo.

“En moitas oficinas non quedan máis que dúas persoas, un número insuficiente en moitas delas”, denuncia Agromuralla. Este descenso no número de efectivos verase agravado nos vindeiros anos por mor das xubilacións. A idade media do persoal destas oficinas está moi por riba dos 50 anos (segundo os datos da propia Consellería do ano 2018, o 60% do persoal supera os 50 anos de idade), o que indica que nesta década comezará un goteo masivo de xubilacións que podería comprometar o futuro e a viabilidade destas oficinas agrarias.